Á crenza xeralizada que hai no noso país de que os teléfonos móbiles, en concreto as ondas electromagnéticas usadas polos servizos de telefonía móbil, causan cancro, unha sospeita que aínda a día de hoxe non está demostrado que sexa certa nin falsa, hai que sumarlle agora unha nova crenza, a de que as ondas do teléfono móbil poderían protexer do mal de Alzheimer e incluso revertir o seu curso.
Así o vén de ratificar un estudo levado a cabo por científicos da Universidade do Sur de Florida con ratos de laboratorio que foi publicado recentemente, no que se aclara que “a exposición ás ondas electromagnéticas do móbil protexeu a memoria dos ratos que de outro xeito estarían condeados ao Alzheimer”.
Este traballo, que lle ofrece unha nova esperanza aos doentes de Alzheimer, súmase a outros dous informes coñecidos tamén recentemente que destacan respectivamente o desenvolvemento de fármacos contra enzimas específicas para o seu tratamento e o deseño dun escáner cerebral para detectar a enfermidade en xente nova e saudable.
Esta boa nova que nos ofrecen os científicos da Universidade de Florida, fai sorrir hoxe aos millóns de persoas afeccionadas ao teléfono móbil no noso país, que teñen unha nova excusa para seguir empregándoo.
Para o experimento, os ratos foron encerrados durante nove meses en xaulas onde foron expostos a ondas similares ás de un teléfono móbil. Os roedores inducidos xeneticamente para desenvolver a enfermidade mantivéronse saudables, a súa memoria non se veu afectada nin mostraron signos de demencia, mentres que os máis vellos, que xa presentaban problemas de memoria, sufriron importantes melloras ao desaparecer estes síntomas.
Os científicos explican este fenómeno apuntando que nos roedores “as ondas eliminaban e prevían a formación das capas de proteína beta amiloide características da enfermidade”, o que suxire que “podería lograrse un efecto similar en seres humanos”.
Contra o Alzheimer, telefonía móbil
Compartir Este Artigo

