
Os números, como dixemos, van un pouco contracorrente. En palabras de Dinahosting, supoñen medre en pleno ciclo económico de crise global e, tamén, evidencian a achega de emprego en contra da tónica xeneralizada da regulación. Sobre este último punto, a firma tamén achega cifra: o equipo humano pasou de 48 a 62 profesionais. Asemade, hai datos concretos sobre o investimento de Dinahosting na estratexia de crear servizos e produtos onde non había: iso que chamamos innovación. Segundo conta a compañía compostelá, a achega en I+D incrementouse un 72% en 2009 con respecto a 2008. Estes investimentos supoñen dende 2005 unha cifra total de 1,6 millóns de euros.
Xa nun eido máis concreto, de novidades con nome e obxectivos, a empresa relanzou ao longo destes meses a súa plataforma comercial, ao que cómpre engadir o fornecemento do seu novo panel de control de servizos e unha aposta decidida por contar cun equipo de desenvolvemento propio. Estas estratexias concretas, comentan os responsables da firma, foron en boa medida as culpables do devandito medre a todos os niveis.
A maiores, sinala Dinahosting sobre o subministrado no ano que vimos de deixar atrás, “cómpre salientar un conxunto de funcionalidades que revolucionan os estándares de seguridade aplicados na maioría dos proxectos en liña; desta maneira máis de 47 mil clientes de 74 países xa poden configurar os seus propios protocolos de seguridade avanzados, con auditorías gratuítas de contrasinais, cartóns de coordenadas para blindar os aspectos máis críticos, accesos restrinxidos por xeolocalización, entre outros”.
Por certo que entre as estratexias que fan posible as cifras de hoxe, Dinahosting tamén inclúe o seu compromiso por unha atención ao cliente o máis directa e próxima posible. En palabras de Alberto de la Morena, director comercial, a empresa deu un chimpo cara a diante considerable neste eido: “Primeiro, ao habilitar un número de teléfono gratuíto e dispoñible as 24 horas e logo coa incorporación de novas linguas como o éuscaro, que se suma ás xa dispoñibles, galego, castelán e máis catalán”. E prosegue, engadindo máis datos sobre este esforzo a prol da comunicación: “En Dinahosting falamos dunha forma máis próxima cos nosos usuarios, na súa lingua habitual e sen que teñan que pagar nin un céntimo pola chamada ou polo soporte técnico; é algo que nos fai únicos no mercado de dominios e hosting”.
Para rematar, dicir que as boas cifras acadadas pola empresa con sede en Compostela veñen de atopar unha confirmación salientable nos informes de Webhosting.info, que sitúan á compañía galega como a segunda do sector que máis medra en toda España. A ampliación destes e outros datos podemos atopala xa neste pdf habilitado pola empresa.
Dinahosting pecha 2009 cun medre do 24% e con 14 novos postos de traballo
Compartir Este Artigo
