Seguimos a dar conta da presenza galega na feira CES (International Consumer Electronics Show) que se celebrou os días pasados en Las Vegas e que pasa por ser o encontro de tecnoloxía dixital de meirande repercusión a nivel transfronteirizo. Desta volta cómpre falar de tecnoloxía procedente de As Pontes, máis polo miúdo dunha das firmas do meirande proxección do no noso sector TIC: Arteixo Telecom. Segundo fontes da propia compañía, o seu novo módem PLC ultra rápido estivo presente na feira CES, do 7 ao 10 de xaneiro, coincidindo coa estrea de Arteixo Telecom no devandito evento de xeito conxunto co seu socio tecnolóxico, Gigle Networks.
O aparello, que emprega material de Gigle, achega unha velocidade de conexión a través do fío eléctrico de ata 1 xigabyte por segundo, o que posibilita (sinala a empresa galega) o acceso a todo tipo de contidos e servizos da Rede, música, xogos ou canles variadas do lecer. E isto, engade, dende calquera recanto do noso fogar ou oficina sen que sexa preciso máis cableado. O módem PLC de Arteixo Telecom, puntualiza a compañía galega, é o primeiro das súas características que se desenvolve e fabrica en España.
“Estamos moi satisfeitos coa aceptación que tivo o noso módem neste gran encontro da electrónica de consumo”, comenta Rafael Valcarce, presidente e director xeral da firma galega, ao que engade, facendo referencia á feitura autóctona do trebello: “É un orgullo presentarlle ao mundo un produto tecnolóxico desenvolvido integramente en España”.
Respecto ás súas funcións e ao seu ámbito natural de actuación, dicir que o módem foi concibido para cubri-las necesidades da vindeira xeración de redes multimedia para o fogar, necesidades que serán altas de abondo e que precisarán de tecnoloxías axeitadas. Segundo explica a empresa galega, a única tecnoloxía dispoñible que é quen arestora de achegar unha rede desa índole é a tecnoloxía PLC, que é a que emprega o dito módem e que se basea no uso da rede eléctrica para a transmisión de datos, o que ceiba ao usuario de habilitar infraestrutura extra. “Este equipo”, explica Arteixo Telecom, “supera e con moito a velocidade de conexión de solucións semellantes arestora dispoñibles e achega outras importantes vantaxes para o usuario, como fortaleza, seguridade e facilidade de uso: os modems que integran o kit de conexión detéctanse e configúranse de maneira automática con só enchufalos á rede”.
Arteixo Telecom presenta en Las Vegas o seu módem PLC
Compartir Este Artigo
