Xa que a Rede pode servir para algo máis que deixar insultos e descualificacións nos espazos habilitados para os comentarios dos lectores (costume que, por certo, estase a facer máis que habitual en todo tipo de xornais en liña), a Escola de Escritores vén de lanzarse un ano máis a equilibrar un pouco tanto rancor dixital e convoca de novo o seu certame en liña de cartas de amor, que xa vai pola súa novena edición. O certame, que oficialmente se fai chamar Concurso Antonio Villalba de Cartas de Amor, parte este ano dunha cifra inmellorable: os 853 textos que se conseguiron reunir o ano pasado, “récord entre os concursos epistolares”, a xuízo dos responsables da iniciativa.
Pois ben, tamén este ano a dose (medida e ben administrada) de azucre e de sentimento terá a súa recompensa: 500 euros para o gañador, amais dun curso de literatura erótica e un lote de equipamento romántico “ecosostible” (velas de baixo consumo, cigarros sen fume ou copas para reciclar, entre outro material).
A clave, sinalan os creadores de certame, está en facer algo orixinal e que ao mesmo tempo sexa verdadeiro, sen caer no tópico do cursi e, asemade, sen escorármonos (por rexeitamento) cara a frialdade. Por certo que o prazo para a achega de material xa está aberto, e ficará habilitado ata o vindeiro 31 de xaneiro. O concurso están cen por cen aberto á participación, sendo o único requisito (por necesario) o de contar con acceso á Rede e o de non ir alén das 1.500 palabras (por moito que se pense que se ten moito que dicir sobre o amor). O fallo do xurado darase a coñecer, e non é casualidade, o vindeiro 14 de febreiro.
Convocado un novo certame de cartas de amor en liña cun primeiro premio de 500 euros
Compartir Este Artigo
