A Academia Galega do Audiovidual (AGA) vén de pechar un acordo de colaboración coa Academia de Cine Catalán mediante o cal ambas entidades comprométense a facer un intercambio de curtas para dalas a coñecer en cadansúas Comunidades.
Trátase da primeira experiencia de intercambio entre as institucións homólogas existentes en España que permitirá que as curtas galegas finalistas dos Premios Mestre Mateo 2009 sexan proxectadas e dadas a coñecer entre o público catalán e viceversa.
Do mesmo xeito, as curtametraxes presentadas na segunda edición dos Premios Gaudí viaxarán ata Galicia para ser proxectadas e dadas a coñecer entre o noso público.
Esta iniciativa, que ten como obxectivo potenciar a promoción e difusión do traballo dos profesionais e empresas audiovisuais de Galicia e Cataluña máis alá dos seus territorios, desenvolverase coa colaboración da SGAE, que cede as súas instalacións en Santiago de Compostela e Barcelona, para a proxección das obras.
Asemade, para o desenvolvemento destas actividades, a Academia Galega do Audiovisual conta co apoio económico da Consellaría de Cultura e Turismo, así como co da Secretaría Xeral de Medios da Xunta.
As curtas dos Premios Gaudí exhibiranse ao longo da semana que vén en Arteria Noroeste (Santiago), mentres que A Coruña acollerá posteriormente a presentación dos traballos cataláns gañadores na categoría de longametraxe (ficción, animación e documental), unha vez celebrada en Barcelona a Gala dos II Premios Gaudí, prevista para o vindeiro día 1 de febreiro.
Pola súa banda, as longametraxes gañadoras dos PMM 09 proxectaranse na da SGAE en Barcelona durante o mes de maio.
As proxeccións darán comezo a partir do vindeiro luns, 25 de xaneiro, e serán de entada libre e de balde para todos.
Proxectaranse de luns a domingo, a partir das 20:00 horas.
A Academia Galega do Audiovisual intercambia curtas coa súa homóloga catalá
Compartir Este Artigo

