A plataforma Queremos Galego está a centrar na Rede unha boa parte do seu traballo de mobilización social en contra do decreto contra o galego, acción que se vai materializar este xoves pola mañá na Alameda de Santiago cunha manifestación convocada pola dita organización e apoiada por colectivos procedentes de todos os puntos do país. Pois ben, se os días pasados a plataforma dirixiu a estratexia principal a incrementar o seu número de adhesións, individuais e colectivas, o máis recente paso consiste en empregar arreo o correo electrónico para recadar apoios na comunidade internauta e enviarlle á Xunta, de xeito multitudinario, unha alegación en contra do polémico decreto.
Máis polo miúdo, estes envíos (masivos segundo se indica en Chuza!), teñen como gran obxectivo facerlle ver á Consellería de Educación e ao Goberno galego en xeral que non todo é aceptación social respecto ás medidas tomadas dende as institucións autonómicas para frear a presenza da lingua no educativo, favorecendo (pola contra) a concorrencia de idiomas aos que, sinálase dende a plataforma, lles sobran os apoios de todo tipo.
Entre as alegacións incluídas fáiselle saber á Xunta que o decreto non garante que os rapaces e rapazas, principalmente das áreas urbanas, obteñan unha fluidez comunicativa en galego, feito que todo goberno autonómico estaría chamado a evitar pola súa obriga de velar pola conservación da cultura que lle dá acubillo. “Diminuír a presenza da nosa lingua non fará máis que agravar a situación, vulnerando así o dereito do alumnado a unha educación de calidade e pondo en perigo a pervivencia da nosa cultura”, sinálase dende a web da plataforma. Podemos ver aquí o modelo de folla de reclamacións.
Queremos Galego fai un chamamento aos internautas para o envío de alegacións contra o decreto da lingua
Compartir Este Artigo

