O Centro de Dinamización da localidade coruñesa de Boiro, ao mando do que se atopan os dinamizadores Natalia Alcalde e Samuel Rodríguez, vén de anunciar oito novos obradoiros que terán lugar no vindeiro mes de febreiro e que van destinados a tódolos veciños e veciñas da zona interesados en coñecer as vantaxes que lle ofrecen as TIC a día de hoxe.
As actividades de achegamento ás Novas Tecnoloxías que se desenvolverán nesta localidade costeira abarcan un pouco de cada ferramenta informática, e van dende a iniciación a esta disciplina ata o manexo do programa de retoque fotográfico Gimp, baseado en software libre.
Os obradoiros a desenvolver en Boiro no vindeiro febreiro son: –Iniciación á informática: un curso aberto á poboación en xeral que ten como principal obxectivo adentrar ás persoas asistentes no mundo das novas tecnoloxías a través do manexo básico de arquivos, cartafoles, páxinas web, documentos dixitais… Desenvolverase do 1 ao 5 de febreiro en horario de 11 a 13 horas. –Mecanograía: este obradoiro está destinado a toda a cidadanía en xeral e ten como obxectivo que as persoas asistentes collan soltura no manexo do teclado e poidan escribir a unha velocidade considerable empregando para elo todos os dedos das mans. Desenvolverase dende o 2 ao 10 de febreiro, en horario de 18:30 a 20:30 horas. –Iniciación a Internet: destinado a toda a poboación, este curso ten como finalidade que as persoas asistentes coñezan a Rede de primeira man e aprendan os recursos básicos que poden empregar no seu quefacer diario. –Retoque fotográfico: Gimp: este curso, que se desenvolverá do 15 ao 22 de febreiro, en horario de 11 a 13 horas, busca capacitar ás persoas asistentes no retoque básico de imaxes dixitais, empregando un programa baseado en software libre. –Folla de cálculo: un curso destinado á poboación que teña uns coñecementos mínimos de informática e que pretende formar ás persoas asistentes no manexo dunha ferramenta ofimática básica. Terá lugar do 18 ao 24 de febreiro, en horario de 18:15 a 20:15 horas. –Procura de información na Internet: googlear: con esta temática, o CDSI de Boiro levará a cabo tres obradoiros, de 8 horas cada un, nos que as persoas destinatarias se adentrarán no manexo do buscador máis popular en Internet, aprendendo a facer as súas propias procuras e a optimizar os resultados obtidos en Google.
Esta destinado ás persoas maiores de 60 anos, e desenvolverase os martes, mércores e xoves de 16 a 18 horas.
O prazo para inscribirse nestes cursos, ao igual que vén sendo habitual en outros Centros de Dinamización, remata o día antes ao comezo de cada unha das actividades, ou tamén cando se esgoten as prazas reservadas para cada unha.
Febreiro será un mes tecnolóxico no Centro de Dinamización de Boiro
Compartir Este Artigo

