O viño galego non coñeceu fronteiras, e no caso de telas coñecido, xa quedan poucas por tirar abaixo. Ademais, aos aliados de sempre (os que levan anos confiando na boa calidade do que sae das nosas viñas) se lle están a sumar cada pouco outros aliados, e mesmo algúns directamente relacionados coa sociedade dixital. Nisto precisamente andan os representantes da Denominación de Orixe Rías Baixas, que no seu itinerario de promoción polos Estados Unidos (no que participan unhas 20 adegas) constataron un medre considerable no consumo de viños procedentes destas terras (que andaría a rentes do 1,6% se temos en conta os caldos de toda España) e, ademais, coincidiron con outros profesionais na necesidade de tirar partido das vantaxes comunicativas e participativas das redes sociais. Isto estaría vinculado principalmente á promoción, pero tamén ao intercambio de coñecemento arredor do viño galego, por ser este un dos caldos que máis se consume entre as novas xeracións, principais usuarias de redes como Facebook ou Twitter.
Segundo informa El Correo Gallego na súa crónica do seminario sobre viño e canles sociais celebrada en Nova York, foi a propia directora da oficina comercial de Wines from Spain nesta cidade, Katrin Naelappa, a que fixo fincapé nesta oportunidade para abrir mercado entre a xente nova. Ao seu xuízo, é unha estratexia de primeira orde que as adegas inclúan as súas propostas nestas redes, en parte porque son o futuro e en parte porque se trata dun investimento moi rendible. “En épocas tan axudas economicamente como as actuais”, engadiu, “as redes sociais teñen que ser a nosa aposta, e máis no caso de adegas medianas e pequenas”.
Na campaña galega que se está a desenvolver en Estados Unidos participan, entre outros, o director de Promoción e Innovación do IGAPE, Casto Varela, e a directora de Internacionalización do dito instituto, María Dolores García, que afondaron perante os asistentes á dita xuntanza nas medidas que vai tomar o organismo que representan á hora de apoiar ás empresas galegas no seu afianzamento en mercados exteriores.
O viño galego vaise á procura das redes sociais
Compartir Este Artigo
