A Fundación CEL, que dende hai máis de 12 anos traballa sen ánimo de lucro respaldando proxectos empresariais de mozas e mozos emprendedores de Lugo, facilitando a súa entrada no difícil mundo empresarial, vén de convocar unha nova edición dos seus premios, que celebra anualmente dende hai un tempo.
Trátase da duodécima edición dos Premios da Fundación, que teñen o prazo de inscripción aberto ata o vindeiro venres 29 de xaneiro.
Os estudantes e emprendedores que promovan proxectos de empresa na provincia de Lugo e os empresarios que leven anos traballando polo seu desenvolvemento socioeconómico, aos que está dirixida esta convocatoria, poderán enviar as súas candidaturas ata as 20:00 horas dese día.
Estes Premios constan de tres categorías: a de Iniciativa Empresarial, para o fomento da creación de empresas innovadoras, subdivídese nas modalidades de Premio a Proxectos de Creación de Empresas, Premio a Proxectos Universitarios de Creación de Empresas e Premio á Investigación e Innovación aplicada á Empresa, patrocinados polo Banco Pastor, Caixa Galicia e Caixanova, respectivamente.
O premio por modalidade consistirá nun diploma de mérito, unha estatuíña conmemorativa, unha dotación de 3.000 euros e o acceso a financiamento “en condicións preferenciais” ofrecido pola entidade patrocinadora.
Asemade, as dúas primeiras modalidades inclúen a incorporación gratuíta ao Programa Viveiro de Empresas durante o ano seguinte á concesión do premio para a posta en marcha da iniciativa.
Entre os criterios que terá en conta o xurado nesta categoría figuran, entre outras, a viabilidade económica do proxecto, a xeración de postos de traballo, a incorporación das TIC, o emprego de materias primas autóctonas e o grao de innovación da proposta.
Os Premios á Actividade Empresarial están destinados ás firmas que operan na provincia que implantan procesos de mellora e expansión dos seus servizos. Presentan dúas modalidades: Premio á Calidade, Seguridade Industrial e Protección Medioambiental e Premio ao Compromiso Social e á Creación de Emprego. Por último, o Premio á Promoción Exterior da Provincia de Lugo pon en valor campañas deseñadas para a divulgación da nosa imaxe, como son, por exemplo, as de comercialización. Os gañadores de ambas as dúas categorías recibirán un diploma de mérito e unha estatuíña conmemorativa.
Na páxina web da Fundación CEL atópanse as bases de cada categoría e modalidade, o formulario de inscrición oficial e un modelo de memoria técnica dos proxectos para os casos nos que se requira.
Aberto o prazo para participar nos Premios da Fundación CEL deste ano
Compartir Este Artigo

