A Aula Tecnolóxica da Casa das Campás de Pontevedra vai dar acollida, do vindeiro 1 ao 12 de febreiro, a un curso de balde de Gimp, creación e retoque mediante software libre, centrado no tratamento de imaxes a través do uso de ferramentas de código aberto, accesibles para todo o mundo.
Esta actividade, ofertada pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra, responde a unha necesidade crecente da sociedade en xeral e da estudantil en particular, que co impulso das tecnoloxías dixitais aplicadas á fotografía, precisan tratar e manipular as súas propias imaxes.
Nesta actividade formativa, que terá lugar os luns, mércores e venres de 19:00 a 21:00 horas, impartiranse nocións de como crear, manexar, editar e retocar imaxes empregando este software, que constitúe unha alternativa á coñecida aplicación comercial PhotoShop.
O curso, que será impartido pola profesora, Sonia Fernández Ferrón, vai dirixido tanto á comunidade universitaria como ás persoas externas a ela, que queiran ampliar os seus coñecementos na creación e tratamento de imaxes dixitais.
Fernández Ferrón precisa que o curso está pensado para “crear e editar imaxes a nivel usuario e non profesional, co obxectivo de saber manipulalas segundo a onde se vaian dirixir: a impresora, Internet ou unha fotocopiadora dixital, por exemplo”.
Os contidos do curso abranguen a análise e o uso da interface e as ferramentas do Gimp, os diferentes tipos e formatos de arquivos, o tratamento da cor e o traballo con capas, seleccións e máscaras. Aínda que esta aplicación ofrece tamén a posibilidade de codificar funcións, neste curso non se verán cuestións de programación, senón só aspectos xerais das tarefas de manipulación de imaxe que permite o Gimp, incluíndo retoque fotográfico, composición e creación de imaxes.
Ofértase un total de 20 prazas que se cubrirán por orde de inscrición. A matrícula é gratuíta e poderá formalizarse desde hoxe ata o vindeiro venres día 29 de xaneiro a través da plataforma Bubela da Área de Posgrao Virtual. A información relativa a este curso pode consultarse na páxina web da Vicerreitoría do campus de Pontevedra.
A Universidade de Vigo oferta un curso de Gimp aberto a todo o mundo
Compartir Este Artigo

