Do vindeiro 28 ao 30 de xaneiro, a cidade de Vigo vaise converter nun escaparate de luxo no que dar acollida ás máis modernas ferramentas de comunicación, entretemento e multimedia, ao ser escollida por Telefónica para poñer en marcha o seu proxecto InnovaTe.
Trátase dun espazo demostrativo que percorrerá todo o país mostrando, de balde, os últimos avances tecnolóxicos da compañía, e que lle achegará aos visitantes os servizos máis vangardistas desenvolvidos por Telefónia para facilitarlle a vida aos seus clientes.
A carpa, que estará ubicada na explanada que hai fronte ao Real Club Náutico, servirá asemade para presentar os sevizos e solucións que a compañía xa ten desenvolvidos pero que aínda non está a comercializar, de maneira que as persoas que a visiten poderán coñecer o futuro inmedianto destas tecnoloxías, que se enmarcan en tres ámbitos distintos: o da accesibilidade e responsabilidade social, o do entretemento e multimedia e o da publicidade e marketing.
Esta iniciativa, que segundo os seus responsables, “reforza a Telefónica como empresa líder en innovación e comprometida coa aplicación da tecnoloxía para mellorar a calidade de vida das persoas”, será inaugurada o vindeiro xoves, 28 de xaneiro, polo alcalde de Vigo, Abel Caballero e o director territorial de Telefónica, Ignacio Aller.
A mostra quedará instalada nunha carpa de 200 metros cadrados, caracterizada por un deseño vangardista que emprega materiais transparentes, e onde se instalarán grandes pantallas de plasma nas que os monitores explicarán ao público o funcionamento destas tecnoloxías, axudándolle ao mesmo tempo a interactuar con algunhas das aplicacións e servizos de InnovaTe
Coincidindo coa posta en marcha de InnovaTe, Telefónica tamén celebrará o venres 29 no Salón de Actos da Confederación de Empresarios de Pontevedra, e en colaboración con INEO (a Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación) unha Xornada de Innovación que reunirá importantes especialistas e expertos en telecomunicacións e novas tecnoloxías para abordar A innovación ao servizo dos cidadáns e as empresas.
A carpa tecnolóxica de Telefónica bota áncoras en Vigo
Compartir Este Artigo

