
Esta necesidade de protexer a información foi o que se puxo de relevo onte no Día da protección de datos, xornada que o Colexio Profesional de Enxeñeiros de Informática de Galicia (CPEIG) aproveitou para facer un chamamento ao sentido común en relación ao coñecemento.
Para Fernando Suárez, presidente do devandito Colexio, a seguridade na información é tanto máis relevante se temos en conta que non se trata dunha miúda cantidade de datos e un fluxo reducido, senón todo o contrario: o amoreamento e o trasfego prodúcese xa de maneira masiva. Dentro destes datos, puntualiza, son os relativos ás persoas os máis apreciados e valorados, “debido ao poder que confire a quen os posúe”. É unha realidade pois que existen riscos, “como os resultantes da manipulación e interrelación de datos illados ata obter auténticos perfís de personalidade dos individuos”, sinala.
Neste senso, o CPEIG considera máis necesaria ca nunca a defensa do individuo e do seu dereito fundamental á protección da súa información persoal, “recollido na propia Constitución española e entendida como a súa facultade para decidir cando e baixo que límites debe revelar datos acerca da súa persoa”. A este respecto, semella que o eido das novas tecnoloxías do coñecemento, a súa rápida evolución, vai moi por diante de calquera tentativa de regulalo e aplicarlle unha serie de normativas eficaces. A falta de confianza nestas, sinala o CPEIG, pode chegar a ser un dos grandes atrancos do novo chanzo que agarda por subir a Rede, incluída a Administración Electrónica e tódalas funcións para as que está capacitado o novo DNI. Neste senso, para Fernando Suárez é preciso que se cree e transmita confianza entre os usuarios para que cedan os seus datos persoais e que vaian seguros e protexidos polas redes de ordenadores. E prosegue: “O éxito do despregue do comercio electrónico e as relacións informáticas coa Administración dependerán da seguridade ofrecida para que os cidadáns as empreguen, ademais tendo que terse unha clara percepción da devandita seguridade”.
O CPEIG fai un chamamento a prol dunha Rede de confianza para o fluxo de datos
Compartir Este Artigo
