Grazas ao intenso labor desenvolvido pola Consellaría de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde para implantar a receita electrónica no noso país (con tódalas vantaxes que isto conleva), podemos afirmar xa que preto da metade da poboación galega, en concreto un 46 por cento, poden aproveitarse se o desexan das moitas utilidades que ofrece esta nova ferramenta en liña, implantada en 179 centros de saúde (do total de 483 que hai) das sete áreas sanitarias de Atención Primaria de Galicia.
Nos últimos meses, a implantación de e-receita evolucionou a gran velocidade tamén nas oficinas de farmacia, das que actualmente están conectadas a este novo sistema un total de 889 (o 68,4 por cento de todas as farmacias) en todo o territorio galego e realizáronse máis de 8,8 millóns de dispensacións de xeito electrónico.
Pero o traballo da Xunta, lonxe de ter rematado, aínda continuará ao longo de todo o ano e neste primeiro semestre de 2010 xa está previsto incorporar 67 novos centros de saúde, quedando implantada a e-receita no 50,9 por cento do total dos centros de saúde, o que beneficiaría ao 68,2 por cento da poboación, chegando case ata case 2 millóns de galegos e galegas que accederán a esta prestación no mes de xuño.
No que respecta ás oficinas de farmacias, a previsión é que no primeiro semestre de 2010 estean operativas con este sistema todas as oficinas de farmacia de Galicia, algo que xa se está a facer, en fase de despregamento, en 68 oficinas, e nos vindeiros seis meses incorporaranse outras 342 oficinas.
As vantaxes da e-receita
A implantación da receita electrónica supón vantaxes para os pacientes que permite que o usuario non precise acudir ao centro de saúde cada vez que teña que solicitar novas receitas dos medicamentos xa prescritos, fundamentalmente nos tratamentos crónicos. Unha vez que o médico xera a prescrición electrónica, os paciente unicamente, deben presentar a súa tarxeta sanitaria na oficina de farmacia.
Por outra banda, a e-receita implica melloras na calidade asistencial xa que diminúe o número de consultas para renovación de receitas nos centros de saúde. Isto permite aos profesionais sanitarios dispoñer de máis tempo para o diagnóstico e tratamento, desconxestionando as consultas de Atención Primaria.
Este novo sistema supón unha maior seguridade na prescrición, dispensación e uso dos medicamentos, xa que fomenta a comunicación entre médico e farmacéutico e, evita os posibles erros que se puidesen dar no proceso de lectura e interpretación da letra do médico na oficina de farmacia.
Asemade permite coñecer o historial fármacoterapéutico do paciente, facilita a toma de decisións e incrementa a seguridade no uso dos medicamentos, ao explicitarse os diferentes tratamentos que está seguindo o paciente. Tamén aporta información sobre se a medicación está sendo recollida na farmacia con regularidade.
En definitiva, a receita electrónica facilita unha xestión máis eficiente dos recursos farmacoterapéuticos e asistenciais, cun aforro directo en tempo para os pacientes, que reducen o número de visitas ao centro de saúde, e para os médicos, que poden dedicar máis tempo para as consultas sanitarias xa que as tarefas administrativas son máis áxiles.
Estas melloras están constatadas xa en áreas sanitarias con elevada implantación da receita electrónica, como o caso da área de Ferrol, onde dende que arrincou o primeiro centro con receita electrónica en xaneiro deste ano e ata o 31 de decembro constátase a diminución de citas administrativas (a maior parte para solicitar receitas). Fronte a isto, obsérvase que se mantén a solicitude de citas de demanda (para consultas de diagnóstico).

