O programa itinerante InnovaTe do que falamos hai uns días nesta páxina web (entre outras cousas para dar conta do seu inicio de actividades con Vigo como punto de partida) serviu de impulso a diferentes traballos colectivos dirixidos a conseguir que non ficase nada da Rede pendente de entender. Nesta liña situouse a celebración dunha xornada sobre a innovación ao servizo da sociedade e as empresas que organizaron Telefónica e Ineo na Confederación de Empresarios de Pontevedra. Desenvolvida como dixemos ao abeiro de InnovaTe, deu acubillo a importantes especialistas en materia de telecomunicacións e canles dixitais da información.
A sesión, inaugurada por Ignacio Aller (director territorial da operadora en Galicia e en Asturias), incluíu unha quenda de relatorios a cargo do presidente da Comisión de Innovación Ineo, Javier Álvarez Osuna (que falou sobre a innovación como estratexia de evolución empresarial), e máis do director xeral da firma Nextgal, Manuel Lagos (que amosou un caso de éxito nunha empresa que usa sistemas de localizadores GPS).
Asemade, a xornada contou coa participación do director de Relacións Internacionais e Programas Públicos de Telefónica I+D, José Jiménez Delgado, que fixo un percorrido polos máis recentes desenvolvementos tecnolóxicos da división de investigación da dita operadora (segundo apuntou o relator, o meirande centro de investigación de España, cun investimento en 2008 de 668 millóns de euros), facendo fincapé nas utilidades que estes traballos lle achegarán á cidadanía. Para comezar, afondou no futuro da nova era das comunicacións, salientando a Web 3.0 e a realidade virtual. Todas estas innovacións irán integrándose na forma de vivir dos cidadáns, sinalou, variando mesmo a feitura dos gobernos das vilas e cidades, os transportes ou a eficacia enerxética, entre outras cousas. Para acadar todo isto, manifestou, Telefónica I+D “está a traballar sobre diversas liñas estratéxicas, innovando en novas maneiras de crear coñecemento, como as redes sociais, e colaborando en universidades e centros de formación, como o Massachusets Institute of Technology (MIT), as Cátedras Telefónica de diferentes universidades e moitos outros centros de investigación arredor do mundo”.
No que respecta ao presidente da Comisión de Innovación de Ineo, Javier Álvarez Osuna, dicir que centrou o seu relatorio en Charles Darwin e os seus estudos sobre a evolución aplicándoos ao feito tecnolóxico-dixital nas empresas. Ao seu xuízo, é fundamental que as firmas innoven de xeito constante, tanto en produtos como en procesos, sendo os equipos directivos de cada compañía os que elixan o tipo de innovación máis axeitado para a súa situación concreta, aproveitando tanto como poidan esa estratexia para poder crear unha gran diferenciación perante os seus competidores directos (evolución e selección natural).
Logo foi a quenda do director xeral da empresa galega Nextgal, Manuel Lagos, quen amosou un caso concreto de éxito nunha empresa que emprega a máis moderna tecnoloxía e na que traballa un importante equipo de técnicos desprazados que, grazas a unha aposta a prol da innovación, foron testemuñas dunha optimización na asignación dos seus traballos cun sistema de localización GPS. Entre outras moitas vantaxes, informou, este sistema fai que se mellore a seguridade dos empregados, se minimice o custe e o tempo das chamadas telefónicas e se reduzan os tempos de resposta de atención ao cliente e máis as viaxes.
Telefónica e Ineo reuníronse en Vigo para amosar polo miúdo a utilidade das TIC
Compartir Este Artigo
