Amais da promoción do emprego das redes do coñecemento na nosa terra a todos os niveis, o Colexio Profesional de Enxeñería en Informática en Galicia (CPEIG) conta entre os seus obxectivos fundamentais coa defensa da dita profesión, en boa medida ameazada por un desenvolvemento pouco axeitado das tarefas laborais vinculadas ás novas tecnoloxías ou ben polo menosprezo de determinados colectivos, empresas ou institucións públicas. É nesta liña, precisamente, onde se sitúan as peticións enviadas polo CPEIG ao presidente da Deputación da Coruña para que (sinala o Colexio) o órgano provincial deixe de discriminar a Enxeñería en Informática. As peticións, informa a plataforma, foron enviadas polo propio presidente do CPEIG, Fernando Suárez, quen expresa na misiva o desacordo do colectivo que representa en relación á política de acceso ao emprego que desenvolve a institución provincial que preside Salvador Fernández Moreda.
Na carta, de xeito máis específico, o Colexio lémbralle ao presidente da Deputación “que o BOP do pasado 13 de xaneiro publicou as bases para contratar un técnico de xestión de proxectos para a iniciativa europea Partner-TIC, tarefa que se corresponde claramente co labor da Enxeñería en Informática aínda que as bases inclúen a posibilidade de que se presenten outras titulacións e mesmo que os propios enxeñeiros e enxeñeiras en Informática fiquen excluídos do proceso de selección”. Para os membros do CPEIG, a Deputación está obrigada a reservar prazas específicas para a titulación que representan cando así o requiran as necesidades do órgano provincial, “só así quedará garantida a profesionalidade do traballo informático”, puntualizan.
Os enxeñeiros en Informática amosan o seu desacordo coa política de emprego da Deputación da Coruña
Compartir Este Artigo
