
O proxecto, que contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Modernización (que non Secretaría General, departamento inexistente por moito que Fundetec teime en escribilo así), conta na nosa terra cun fervedoiro de actividade social, tal e como se desprende do feito de que sexamos os segundos do Estado en cantidade de proxectos dados a coñecer no certame.
Así, sinala Fundetec, das 88 candidaturas achegadas 16 son galegas, todas promovidas a través da nosa Rede de Centros de Dinamización da Sociedade da Información, un tecido de puntos de acceso e actividade dixital que foi posto en marcha para cubrir con redes aquelas zonas deficitarias no seu afianzamento, sobre todo no rural. En total, sinala a fundación, máis de 260 maiores galegos están a día de hoxe adquirindo novas habilidades no emprego da Rede e o computador grazas ás devanditas iniciativas. Das 16 propostas presentadas ao certame, o comité técnico do mesmo elixiu as sete que, xunto coas outras tres que foron seleccionadas por votación na Rede, pasarán á final autonómica de Galicia. Da listaxe final, que achegamos de contado, obteranse as tres gañadoras, o que significa que tanto os axentes sociais que as dirixiron como todas e cada unha das persoas que participaron nelas recibirán un agasallo tecnolóxico.
A entrega de galardóns desenvolverase o martes 16 de febreiro, ás 11.00 horas, no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, en Santiago de Compostela.
Estas son as dez escolmadas:
· ‘Bergantiños: pasado e presente’, Centro de Dinamización de Carballo
· ‘Exprésate a través do teu blog, Centro de Dinamización de Sada
· ‘Memoria de Muller en Monte Porreiro’, Centro de Dinamización de Pontevedra
· ‘Memoria dos oficios en Sada’, Centro de Dinamización de Sada
· ‘Memoria de Muller en las aldeas de Boiro’, Centro de Dinamización de Boiro
· ‘Memoria dos oficios de Boiro’, Centro de Dinamización de Boiro
· ‘Memoria de Muller en Burela’, Centro de Dinamización de Burela
· ‘Memoria de Muller de Ribadeo’, Centro de Dinamización de Ribadeo
· ‘Memoria dos oficios de Ribadeo’, Centro de Dinamización de Ribadeo
· ‘As herbas medicinais en Allariz: unha historia de recuperación e empoderamento feminina’, Concello de Allariz.
As tres propostas que saian gañadoras pasarán á final estatal do Concurso, na que só haberá un único galardoado, elixido por un xurado formado por persoeiros públicos e de entidades privadas ligadas ao eido das redes e das persoas maiores. O acto celebrarase en Madrid o 25 de febreiro.
Xa hai finalistas galegos no certame de Fundetec para impulsar a Rede entre maiores
Compartir Este Artigo

