Os medicamentos, xa de por si perigosos de non empregarmos o sentido común, dobran o seu potencial negativo se a súa comercialización adquire feitura de mercado libre, ao servizo das mafias e de toda aquela persoa á quen lle importa ben pouco cobrar de máis, adulterar ou especular. A Rede, con todas as súas vantaxes de liberdade comunicativa, tamén dá liberdade a outros procesos máis dubidosos, entre os que se conta o mercado de medicamentos, precisamente. Segundo estudos de Atlas reflectidos pola Plataforma SINC, cada vez véndense máis fármacos sen receita a través de Rede, ben sexa porque se pon en xogo a vantaxe do anonimato (que nos evitaría ter que dar explicacións sobre o noso problema), ben sexa porque cada vez é máis enleado acadar unha receita. Amais disto, cómpre engadir o factor económico, xa que nalgúns casos, non en todos, temos ao noso alcance medicamentos máis baratos a través da Rede que coas canles habituais.
Con todo, sinálase no estudo, a meirande parte destas medicinas son falsas e prexudican a saúde.
Nesta liña de descubrir o fraude en liña é onde traballa a Brigada de Investigación Tecnolóxica da Policía, que detecta decote ducias de páxinas webs con todo tipo de medicamentos falsos e/ou prohibidos, con todas as vantaxes que isto ten para o que vende (que no caso de comercializar un fármaco falso, feito de calquera substancia moi económica, pode obter grandes beneficios) e con todos os efectos negativos que ten para quen merca (gasta máis do que debe e non obterá ningunha das propiedades positivas do medicamento e probablemente unha boa parte das negativas).
Segundo se conta, os máis falsificados son os adelgazantes, os antitabáquicos, os analxésicos ou os fármacos para a impotencia. Nos pasados días de febre informativa (que non real) da gripe A rexistrouse un importante repunte dos antigripais, informa a Brigada. Para que se vexa ata onde chega o negocio dos fármacos falsos pola Rede, dicir que en 2009 en España xerou un volume de arredor de 1.500 millóns de euros.
Advirten da proliferación de fármacos falsos ao abeiro da Rede
Compartir Este Artigo
