A rede social superou a liña dos 200 millóns de usuarios o pasado mes de abrilFacebook xa non é só esa rede social na que todo o mundo anda enleado e que che atrae ao seu abeiro con todo tipo de reclamos (convites, perfiles de usuario de xente coñecida, aplicacións, imaxes, etc) aínda que ti non queiras. Segundo contan os recentes informes de comScore, a súa feitura de comunidade en liña que medra está dando lugar a outras funcións que nun principio non lle eran propias pero que agora, coa información á que dá acubillo, case son un proceso natural: as funcións de buscador en liña. As cifras que acada a rede social neste eido, malia estar lonxe das que move o servizo Google (que abrangue o 65,4% deste mercado específico), sitúan a Facebook como o sitio que máis medrou en Estados Unidos en volume de procuras no último mes, cun incremento do 13% (con 351 millóns en decembro e xa no mes seguinte con 395 millóns). O logro de Facebook, que en termos de cifras xerais de negocio non significa gran cousa, está en terse situado como o único servizo que no eido concreto das procuras en liña conseguiu medrar. Para sitios como Bitelia, a clave disto está nos cambios que vén de imprimir a dita rede social na súa propia feitura gráfica, ao que cómpre engadir as melloras nas preferencias de privacidade encamiñadas a dar meirande saída e difusión ao servizo de buscas, co que se apuntalou a posibilidade de ter información que achegar en caso de se procure. Amais, a alianza con Bing xoga ao seu favor como novo motor de buscas a ter en conta.