Toca falar de tecnoloxía Grid. Ou sexa, da tecnoloxía de computación que se basea no uso de moitos equipos sen que saliente ningún deles por exercer control centralizado. Dentro do panorama galego deste método de traballo distribuído onde entran en xogo recursos de todo tipo (e xeralmente a Internet que todos coñecemos), o CESGA e máis as universidades salientan por ter impulsado iniciativas Grid ao servizo de iniciativas científicas que non serían posibles, ou tardarían eternidades en resolverse, de non ter mediado esta tecnoloxía. Por certo que entre as moitas vantaxes que achega este xeito de traballar atopamos o de favorecer ao máximo a comunicación por videoconferencia.. Co obxectivo de informar sobre este punto, a Universidade de Santiago vén de anunciar unha xornada de portas abertas nas dúas salas de tecnoloxías Access Grid habilitadas no edificio Complexo Docente do Campus de Lugo e máis no CACTUS de Compostela.
O obxectivo desta iniciativa non é outro que dar a coñecer as prestacións da tecnoloxía coa que se traballa nas dúas salas e amosar en directo o seu funcionamento. A xornada celebrase o 23 de febreiro en ámbolos dous emprazamentos.
As salas de Access Grid, informa a USC, teñen capacidade para 15 e 20 persoas e contan con sistemas de altas prestacións de vídeo e audio que permiten manter a través da Rede xuntanzas distribuídas a gran escala, como por exemplo sesións de traballo colaborativo ou seminarios. Para que se entenda, os equipamentos e servizos que albergan estes dous espazos poden considerarse como sistemas de videoconferencia mellorados, tanto no que se refire a tamaño (pantallas de gran tamaño) como en posibilidades e canles (varias cámaras e diferentes fontes multimedia).
As instaladas na USC poderán destinarse de xeito inmediato para a realización de xuntanzas de grupos de investigación, visualización e demostración de modelos, para o desenvolvemento de sesións de docencia intercampus, formación distribuída ou en presentacións de altas prestacións cun elevado número de localizacións conectadas.
A día de hoxe, engade a institución educativa, existen máis de 400 salas distribuídas por todo o mundo, sobre todo nos eidos universitario e científico.
Para participar na xornada de portas abertas convocada pola USC cómpre confirmar a asistencia no enderezo electrónico atic.multimedia@usc.es.
A USC organiza unha xornada de portas abertas nas salas de Access Grid de Santiago e Lugo
Compartir Este Artigo
