Como se dun peregrino máis se tratara, mañá martes 23 de febreiro, a exposición itinerante Galiciadixital, que vén de visitar unha chea de vilas galegas, chegará a Santiago de Compostela da man da Secretaría Xeral de Medios, onde permañecerá ata o vindeiro 28 de febreiro nas instalacións do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (Travesía da Choupana, s/n).
Esta exposición, que organiza o devandito organismo en colaboración coa Consellería de Sanidade, vai ser inaugurada ás 17:00 horas polo secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro Durán, que virá acompañado por outras autoridades e colectivos locais.
A Secretaría Xeral de Medios decidiu achegar esta exposición itinerante aos hospitais galegos co obxectivo de ensinar a todos os galegos e galegas de todas as idades o audiovisual e os multimedia realizados por empresas e universidades galegas, e servir de plataforma de experimentación de novos sistemas e contidos audiovisuais.
Unha vez máis, esta converxencia entre arte e tecnoloxía, estará a disposición de todas as persoas que desexen achegarse ata o hospital e participar en todo o seu percorrido, tocando e experimentando todo totamente de balde.
O éxito que está a acadar nas localidades que a acollen fai pensar na boa calidade deste proxecto, que leva por toda Galicia as vantaxes do uso das TIC aplicadas ao ocio.
Ao igual que nas anteriores vilas, os visitantes que se acheguen ata Galiciadixital, poderán somerxerse nun mundo dixital a través de proxeccións e xogos en 3 dimensións como Cidades do Camiño ou da visualización de imaxes panorámicas de 360º nunhas pantallas que colgan do teito.
Esta actividade permite que cada usuario poida realizar paseos virtuais xirando a pantalla coas súas mans por aquelas cidades por onde discorren os diversos camiños de peregrinación a Santiago de Compostela.
Co Tiraboleiro virtual, outra das seccións da exposición, o visitante será o protagonista dunha das tradicións máis emblemáticas da nosa cultura, o lanzamento do botafumeiro da Catedral de Santiago.
Asemade, outros sete contidos máis completan esta exposición, que permanecerá no recibidor da entrada do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago do 23 ao 28 de febreiro e que poderá visitarse en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.
Galiciadixital chega mañá á capital galega
Compartir Este Artigo

