A Fundación Caixanova, logo de coñecer os resultados do diagnóstico estratéxico do sector comercio elaborado polo seu Instituto de Desenvolvemento, vén de por en marcha, coa colaboración da Asociación INEO, a iniciativa Comercio TEC, un proxecto pioneiro que pretende dar resposta ás necesidades que, en materia de novas tecnoloxías, se lle presentan ás empresas galegas do sector comercio.
Trátase dunha iniciativa que nace para dar conta das solucións que precisan os comercios galegos no tocante á escasa concienciación da necesidade de acceso á Rede, así como das oportunidades que lles ofrece a día de hoxe a sociedade da información. Por outra banda, tamén pretende reducir o déficit nas infraestruturas básicas de acceso a Internet que se dan en Galicia en comparación coa media da Comunidade Europea.
Todas estas necesidades teñen resposta, segundo veñen de informar, “no ámbito da sociedade da información e, por tanto son as TIC as ferramentas básicas que permitirán mellorar tecnoloxicamente ás empresas”.
Comercio TEC xurde pois para dar resposta á necesidade de propiciar e implementar o desenvolvemento de sistemas de información estratéxica e de comunicación na cadea de comercio, facendo fincapé na formación e información que requiren as persoas vinculadas a este tipo de empresas.
A Asociación INEO colabora coa Fundación Caixanova no desenvolvemento do proxecto cuxa primeira fase centrouse en analizar as necesidades concretas das empresas de comercio a través dunha enquisa realizada a 104 empresas do sector comercio e varias mesas de traballo. Os resultados permitiron deseñar o modelo TIC “ideal”.
Este modeo foi implantado nunha fase piloto en sete empresas de Galicia co obxectivo de validar as ferramentas e solucións tecnolóxicas deseñadas. Asemade púxose en liña, a disposición das entidades colaboradoras, unha Ferramenta de Autodiagnóstico que permite a calquera empresa interesada analizar as súas necesidades tecnolóxicas de maneira doada e intuitiva, obtendo as solucións TIC existentes no mercado que mellor se axustan ás súas necesidades específicas.
Os responsables da iniciativa aseguran que Comercio TEC pretende contribuir deste xeito a “potenciar e optimizar a competitividade das PEMES do sector do comercio mediante o emprego das TIC, aportando unha excelente xestión e administración”, que se traducirán, aseguran, “en altas vantaxes e beneficios económicos”.
Ineo maila Fundación Caixanova deseñan un modelo TIC ideal para o comercio galego
Compartir Este Artigo

