O encontro máis importante da industria dixital para Oriente Medio, África e o sur de Asia, a CABSAT MENA 2010, que terá lugar do 2 ao 4 de marzo en Dubai, vai contar con presenza galega, e á participación xa confirmada de Blu:sens hai que engadirlle agora a de Televés, que aproveitará a ocasión para presentar as súas solucións para a extensión ata o fogar dos servizos de banda ancha a través de fibra óptica.
A firma galega de telecomunicacións tamén presentará a súa nova xeración de cabeceiras dixitais T0X, así como a solución Coax-Data para a creación de redes locais sobre cable coaxial e eléctrico.
Os produtos de Televés serán presentados por enxeñeiros e técnicos da compañía no posto E1-1, situado no vestíbulo Satellite MINERAL. Ademais, dous altos executivos da corporación tomarán parte no congreso que se desenvolverá en paralelo á feira. En concreto, Ramón Bermúdez de Castro, director internacional de Ventas, presentará un relatorio sobre a televisión de alta definición (HDTV) vía satélite e Jacobo Penide, director xeral de Arantia (filial de Televes Corporation) disertará sobre modelos de comercialización de servizos de televisión a través de Internet (IPTV).
Asemade, os responsables da compañía presentarán as vantaxes dos seus medidores de campo portátiles, os H45, os primeiros da súa clase en incorporar o procesado dixital e que recentemente foron actualizados para a demodulación de servizos MPEG-4 en formato 1080p.
No ámbito da distribución dos sinais de televisión, no posto de Televés realizaranse demostracións das vantaxes para os instaladores profesionais que ofrecen os módulos T0X. Trátase dunha nova xeración de cabeceiras dixitais que permiten configurar todo tipo de servizos e transmodulacións, con tecnoloxía especificamente desenvolvida para a televisión de alta definición (HDTV).
A aposta de Televés polo fogar dixital tamén estará presente no CABSAT MENA 2010 coa presentación do sistema Coax-Data así como coa súa ampla gama de multiswitches, as súas novas antenas parabólicas fabricadas en aluminio de alta calidade, a súa antena intelixente DAT HD BOSS e a súa gama de amplificadors DTKom e Picokom.
Televés leva as súas solucións de banda ancha á CABSAT 2010
Compartir Este Artigo

