Poucas cuestións da nosa vida real fican sen ter o seu foro, comunidade ou rede social no ámbito redeiro. Pero cómpre recoñecelo: hai cuestións que teñen máis posibilidades cuantitativas e funcionais ca outras. Así, pode que non sexa ningunha tolemia dicir que un club dixital sobre comer (unha desas cousas que nos une) vai ter máis potencial na variedade dos seus servizos que unha comunidade sobre o a importación de pantuflas. Neste senso, a canle Foodspotting xogaba sobre seguro: os internautas, por moito que se tente demostrar o contrario, tamén teñen que alimentarse.
O punto máis salientable desta nova achega, o diferenciador, é que se dirixe a abreviar na medida do posible o tempo que usamos en atopar o local gastronómico recomendado por outra/o. A idea é conseguilo todo a través da Web 2.0, concepto (recoñezámolo) moi sobado pero que vén moi a conto para definir a canle de actuación desta páxina: a canle participativa.
Así, mobilizando a internautas, Foodspotting quere converterse na web que che informa dun prato concreto e que tamén cho pon diante, localización incluída grazas ás achegas (textuais, fotográficas e xeográficas) de quen o papou.
Segundo conta Baquia.com, a páxina métese de cheo no emprego de mapas (fundamentais neste tempo en que xa non estamos para perder horas dando voltas pola cidade), aos que poderemos acceder premendo na imaxe da comida que nos interese co obxectivo de saber onde se cociña e onde se serve. A web permite buscas en calquera sentido (onde se atopa este prato que temos diante? Que podo comer nesta cidade? Onde podo localizar a comida que me apetece?) e inclúe guías, aplicación para o iPhone e métodos para asegurar a fiabilidade dos usuarios (que someteran a valoracións as súas recomendacións).
A web púxose en marcha en Xapón como método para promover a gastronomía do país e rematou por transformarse en guía internacional.
Foodspotting mobiliza aos internautas para que informen dos seus pratos preferidos
Compartir Este Artigo
