
Asemade, no transcurso da sesión técnica celebrada na sede da Tecnópole (xefe de fila do proxecto), déronse a coñecer polo miúdo os obxectivos da iniciativa, posta en marcha en 2009: incrementar a competitividade das pemes do sector, as condicións de traballo, o seu posicionamento no mercado e máis a implantación no seu seo de ferramentas baseadas nas novas tecnoloxías e deseñadas para atender ás súas necesidades de maneira específica.
Durante a xuntanza tamén se fixo fincapé no papel que xoga a iniciativa como avaliadora das necesidades e das carencias das empresas integrantes deste tecido produtivo, traballo que xa deu os seus primeiros resultados. Por exemplo, o deseño de dous tipos de ferramentas TIC de código aberto, labor adxudicado mediante concurso a tres consultoras galegas. Segundo conta a Tecnópole, o eido de actuación destes recursos será, en primeiro lugar, o da xestión para a optimización dos procesos empresariais básicos, a través de aplicacións de escritorio tales como sistemas de planificación de recursos empresariais (ERP) e de administración da relación cos clientes (CRM).
En segundo lugar, estase a traballar en ferramentas en liña orientadas a fomentar o traballo colectivo en investigación e a venda por Internet. O resultado de todo isto, engade o complexo empresarial galego, será unha plataforma web para a construción de proxectos colaborativos nas áreas de I+D e innovación, e para impulsar (tamén) “as transaccións on-line entre os distintos axentes que operan no mercado das enerxías renovables, con especial incidencia na implantación da factura electrónica”.
O proxecto está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea ao abeiro do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013. O seu marco temporal é bianual (2009-2010) e conta cun financiamento total de 931.693,68 €, dos que o 75% procede dos FEDER.
Os socios do proxecto son, ademais de Tecnópole, a Asociación de Empresas Galegas dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET); a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, a través da súa Oficina de Programas Internacionais de I+D+i (OPIDi); e NET Novas Empresas e Tecnologias, S.A.-Business and Innovation Centre do Porto (NET-BIC Porto).
Especialistas galegos en TIC deseñan software específico para o sector das renovables
Compartir Este Artigo
