
A súa idea ao presentar esta iniciativa foi resolver un problema de anos: a suposta falta de demanda de acceso ás redes que as operadoras din atopar no noso rural, de aí que sexa unha materia pendente. Ao seu xuízo, ata o día de hoxe as empresas estatais deste sector incumpriron os seus compromisos de levar Internet ao rural, excluíndo deste xeito a núcleos dispersos ou ben achegándolles servizos e tecnoloxías que xa hai tempo que ficaron obsoletos. Isto, remarcou, non fai máis que acentuar as incomprensibles diferenzas de acceso dixital (a engadir ás sociais, culturais, económicas e demais) que aínda hoxe separan ao ámbito urbano (xa de por si favorecido) do non urbano.
Co fin de botar luz sobre os seus obxectivos, Jorquera puxo como exemplo no Congreso as licenzas para a achega de servizos de conexión en 3,5 xigaherzios levada a cabo hai unha década, experiencia que ficou pechada para operadoras galegas por mor da feitura estatal do concurso, “mentres que as concesionarias destas frecuencias susceptibles de mellorar o acceso á banda larga e á telefonía móbil no rural mantiveron esa parte do espectro bloqueado e improdutivo ao non cumprir os seus compromisos”. O voceiro do BNG quixo deixar claro que a opción para a existencia das frecuencias que teñan como espazo de asignación as comunidades “é legal e tecnicamente posible”, tal como pasou co cable e coas licenzas de radio e televisión dixital.
O Congreso ábrelle a porta ás licenzas de telefonía móbil propias para a nosa terra
Compartir Este Artigo
