Actividade formativa organizada en Vigo hai uns días por FacendaEn cuestión de tramitación e transaccións a través das redes, aínda non se camiñou todo o que se tiña que camiñar. A cuestión, principalmente, pasa por divulgar ao longo e ancho do noso tecido produtivo as potencialidades e as vantaxes de facer a través da Internet (mercar, vender, comunicarse, facer promoción, xestionar trámites coas administracións, etc) o que ata o de agora se viña levando a cabo de xeito presencial e a través de formatos tradicionais. Nesta liña é onde se quere situar a Consellería de Facenda, que vén de pór en marcha unha campaña formativa para achegarlles aos empresarios de diversas localidades galegas “unha visión clara e tanxible sobre a facturación electrónica”. Neste programa inclúese o seminario que acolle este mércores a Cámara de Comercio de Santiago a partir das 16.00 horas. No transcurso da actividade, informa Facenda, explicaranse todos os aspectos relacionados coas vantaxes da adopción da factura electrónica e os pasos a seguir para facelo da forma máis sinxela posible, ademais de resolver todas as dúbidas que esta formula no ámbito operativo e tecnolóxico. Asemade, afondarase na vantaxe (axilización de trámites, aforro de tempo e custes) que supón empregar este procedemento e as distintas solucións existentes para automatizar tanto a emisión como a recepción das facturas electrónicas.