A Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS), coñecedora das vantaxes do ensino a distancia e por Internet, está a traballar nun novo proxecto formativo baseado na formación en liña, que segundo afirman, “suporá un salto cualitativo en todo o realizado ata o momento”.
Trátase da creación dunha plataforma e-learning para impartir cursos dirixidos aos seus asociados, cubrindo así, segundo explica José Cañas, responsable de Formación de AEMOS, “as necesidades das nosas empresas, aínda sendo moi específicas”.
Ata o de agora, unha das dificultades que atopaban dende a Asociación á hora de organizar un programa deste tipo era o número de alumnos ou a dispoñibilidade dos mesmos, cuestións agora “insignificantes”, segundo afirman, ao poder ofrecer un servizo totalmente individualizado baseado na educación electrónica a distancia.
Estamos perante unha aposta polas novas tecnoloxías, que lle permite aos membros da Asociación ser máis áxiles nas súas accións, á vez que optimizan custes e cubren a demanda formativa dos seus asociados.
Este sistema de educación en liña, que permite que os alumnos e alumnas interactúen coas persoas que os forman, emprega a Rede como tecnoloxía de distribución da información, e presenta unha serie de vantaxes respecto á formación presencial tradicional, entre as que destaca o feito de que cada alumno vaia ao seu propio ritmo de aprendizaxe.
Dende AEMOS informan que está previsto que para o vindeiro mes de abril comecen a funcionar os primeiros cursos de formación contínua a través da Rede.
Deste xeito, a entidade xa vénd e organizar unha serie de programas de nivel superior centrados na xestión de calidade, na planificación comercial, así como tamén en plans de igualdade. Todos eles responden ás necesidades formativas das empresas asociadas de AEMOS, “encargadas elas mesmas, a través das súas demandas, de ir confeccionando á natureza desta plataforma e-learning”, conclúe Cañas.
AEMOS pon en marcha un proxecto formativo baseado na aprendizaxe virtual
Compartir Este Artigo

