O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia segue adiante coas súas achegas formativas orientadas a crear na nosa terra a maior especialización profesional posible en materia de redes e ferramentas do coñecemento. Se hai uns cantos días falabamos da súa capacitación para dar acubillo ás probas que certifiquen aos profesionais de Linux, agora inclúe no seu programa unha xornada sobre a plataforma libre eBox. O contido desta actividade, a desenvolver o 15 de abril a partir das 16.30 na sede do CNTG, inclúe unha introdución á devandita plataforma e unha descrición pormenorizada das súas potencialidades e funcionalidades como servidor de oficina, máis polo miúdo LDAP e Samba.
Lembrar que eBox é un conxunto de servizos en liña en código aberto que ten a capacidade de actuar como porta de ligazón á Internet, administrando a infraestrutura de rede e xestionando ameazas á seguridade, ou tamén como servidor de oficina e servidor de comunicacións… ou ben como unha mestura de todas estas funcións.
A xornada, que vai dirixida sobre todo a profesionais desempregados ou desocupados (sector público e privado) do eido da administración de sistemas, contará coa presenza de Jorge Salamero, analista de sistemas eBox, en labores de relator. Segundo sinala o CNTG, Salamero ten ampla experiencia como comunicador e desenvolvedor de ferramentas libres aplicadas á xestión, o control e o manexo dos datos, amais de ter traballado como administrador de sistemas, deseñador Linux e máis responsable da comunidade universitaria de software libre da Universidade de Zaragoza. Arestora compaxina as súas tarefas en eBox coas de desenvolvedor Debian.
O acceso á xornada, previa inscrición a realizar en liña a través do portal web do CNTG, é de balde e condicionado ao aforo do local.
O CNTG desvelaralles aos profesionais galegos os segredos da plataforma eBox
Compartir Este Artigo
