A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, que vén de participar, esta mesma mañá, na segunda edición do Seminario Sociedade da Información en Galicia, organizado pola revista Socinfo, lembrou na súa actuación, o cambio de estratexia decidido polo Goberno galego hai un ano en materia de novas tecnoloxías coa creación dun único órgano directivo, dependente da Presidencia do Goberno para planificar todas as actuacións TIC da Administración autonómica. Este foi, segundo a responsable do departamento autonómico, “o primeiro paso na forte aposta do Executivo galego pola integración das TIC en todos os ámbitos da sociedade”.
Neste acto, que reunía a representantes tanto da Administración autonómica, como das deputacións e os concellos para analizar a situación actual e os plans de futuro en materia de novas tecnoloxías na Comunidade, Pereira apuntou que a dotación de infraestruturas tecnolóxicas aos servizos públicos “é fundamental para avanzar na implantación da iniciativa eGoberno, un novo modelo de relación entre a Administración, a cidadanía e as empresas”.
A titular de Modernización fixo clara referencia aos tres ámbitos sectoriais nos que a Xunta está a implantar as novas tecnoloxías para mellorar os servizos públicos, que son: a sanidade, a educación e a xustiza.
Do primeiro fixo balance da e-receita, implantada a finais de 2008 e da que no 2009 foron prescritas máis de 7,5 millóns en centros de atención primaria nos que están adscritas máis de 1.200.000 persoas. Na educación, o proxecto ABALAR introducirá no vindeiro curso o concepto de Centro Educativo Dixital en máis de 700 aulas e dotará a 14.500 alumnos de ultraportátiles. A Xunta investirá nesta primeira fase máis de 12 millóns de euros.
Na área da Xustiza, estase a establecer unha estratexia e unha planificación temporal e de recursos para racionalizar e redeseñar os procesos, actualizar os sistemas de información e despregar as infraestruturas e medios tecnolóxicos necesarios, cun investimento de máis de 2,1 millóns de euros. O seguinte paso será o desenvolvemento do Primeiro Plan de Sistemas e Tecnoloxías da Información na Xustiza da Comunidade.
Para avanzar na implantación de todas estas actuacións e garantir o dereito dos cidadáns a relacionarse coa administración en todos os seus niveis a través dos medios electrónicos, Mar Pereira lembrou que “xa se está a traballar na mellora e na estensión das infraestruturas de telecomunicacións co Plan Director de Banda Larga 2010-2013”, que busca, entre outras cousas, achegar o acceso a Internet aos máis de 786.000 galegos e galegas que na actualidade non dispoñen dun servizo de calidade.
A alfabetización dixital foi outro dos aspectos cualificados de “imprescindibles” pola secretaria xeral de Modernización “para acadar a plena integración das TIC”. Neste campo, Mar Pereira destacou a posta en marcha da Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica de Galicia CeMIT, que coordina as máis de cen aulas dependentes da Xunta e a colaboración do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia para fomentar actividades de alfabetización dixital dos colectivos con máis dificultades de acceso ás novas tecnoloxías.
“Constituír un sector TIC forte e unido é outro dos eixes básicos no impulso do proxecto tecnolóxico que está a desenvolver o Goberno galego”. Neste sentido, Mar Pereira, valorou a creación do Cluster TIC e amosou o apoio constante da Administración autonómica ao sector.
Os asistentes ao II Seminario Sociedade da Información en Galicia analizan o noso futuro en materia de novas tecnoloxías
Compartir Este Artigo

