O secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, que esta mañá tivo unha axenda apretada por mor de achegarse persoalmente ata a inauguración do Xuventude Galicia Net no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, foi un dos encargados de presentar, posteriormente, o programa da gala dos Premios Mestre Mateo deste ano, nunha rolda de prensa que tivo lugar en Arteria Noroeste, onde tamén se congregaron outras personalidades importantes tales como o Presidente da Academia Galega do Audiovisual, Xosé Manuel Olveira “Pico” ou Tania Rodríguez, produtora executiva da Gala e vogal da xunta directiva da AGA, entre outros.
A gala deste ano, que se celebrará o vindeiro día 15 de abril no Pazo da Cultura do Concello de Narón, buscará arrincar o sorriso do público, segundo afirmaron dende a Academia, “reinterpretando a actualidade galega en clave de humor, e xogando coa comicidade e a emoción ao redor dos propios traballos finalistas”.
A cerimonia de entrega de premios, que promete ser divertida e rápida, será conducida por Xosé Ramón Gayoso e Xosé Antón Touriñán, e contará coa colaboración de Federico Pérez, Marcos Pereiro, Patricia Vázquez e Víctor Fábregas, entre outros protagonistas da actualidade galega, para a entrega dos galardóns.
Asemade, neste evento do noso audiovisual que cada ano congrega a destacadas personalidades da cultura, a política e da economía galega, entre outros sectores de relevancia, a AGA aproveitará a ocasión para homenaxear á TVG polos seus 25 anos de emisións, e entregaralle o Premio de Honra Fernando Rey ao director de fotografía e realizador Enrique Banet, pola súa traxectoria destacada no audiovisual galego.
As persoas encargadas de presentar o programa desta gala, tamén aproveitaron para presentar outras dúas actividades orientadas á promoción dos traballos finalistas dos Premios Mestre Mateo deste ano, como son a cuarta edición da Semana do Audiovisual Galego e os Encontros Mestre Mateo, que se celebran por segundo ano consecutivo e que servirán, ao igual que o resto de actividades e eventos, para promocionar o audiovisual galego en Galicia e no exterior.
A Semana do Audiovisual Galego desenvolverá o seu programa de proxeccións nun total de 30 salas das catro provincias galegas, dende o luns 5 ata o sábado 11 de abril, mentres que os Encontros Mestre Mateo celebrarán este ano un total de oito mesas redondas (do 6 ao 8 de abril) nas que os profesionais da industria audiovisual achegaranlle aos alumnos e alumnas das escolas vinculadas a este sector as súas experiencias directas.
A gala dos Mestre Mateo deste ano apelarán ao humor para promocionar o audiovisual galego
Compartir Este Artigo

