Poucas cousas cambiaron dende que, once anos atrás, daba comezo a primeira edición do Xuventude Galicia Net na capital galega; as ilusións dos internautas son as mesmas, as ansias por coller o mellor sitio tamén, os nervios por chegar a tempo tamén, os preparativos dos días anteriores tamén e ata o aprovisionamento de comida, bebidas enerxéticas e almofadas para pasar a noite seguen a ser un clásico nesta party galega por excelencia.
Porén hai algo que cambiou moito nestes once anos e que confirma que as novas tecnoloxías evolucionaron para mellor: os participantes xa non chegan con carros da compra cargados con grandes ordenadores e pesadas pantallas que entorpecen o transcorrer da xornada, agora, aínda que segue a haber algúns internautas fieis ao seu PC tradicional, os máis veñen equipados con cómodos portátiles e prácticos discos duros externos de gran capacidade para levar todo tipo de contidos do XGN.
En pouco menos de hora e media, o Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela, pasou de ser un recinto vacío con algúns carteis que anunciaban a eminente chegada da party informática máis importante de Galicia a ser un pabillón tecnolóxico cheo de internautas, stands, ordenadores e videoconsolas totalmente organizado e disposto a acoller a todo tipo de visitantes, entre eles os grandes protagonistas da xornada: o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro e o director xeral de Xuventude, Ovidio Rodeiro, que acudiron persoalmente á cita para ter contacto cos internautas e comprobar o bo funcionamento da conexión.
Este ano, o Xuventude Galicia Net, que se desenvolverá dende hoxe ata o vindeiro domingo, converteuse nun espazo de encontro xuvenil, de formación e de iniciación ao mundo dixital, onde non faltan os xogos, os concursos e os espazos comúns nos que interactuar con distintas ferramentas tecnolóxicas como as que ofrece o stand de GaliciaDixital ou o da CRTVG, que celebra o seu 25 aniversario.
Ao longo destes tres días, os e as internautas participantes, grazas á conexión ultrarrápida a Internet da que dispoñen no Palacio de Congresos, terán tempo de sobra para compartir todo tipo de contidos, probar as súas habilidades cos videoxogos máis actuais e escoitar a música máis moderna, que xa dende esta mañá soaba de fondo amenizando a xornada a golpe de Guns N´ Roses ou Rolling Stones, entre outros cañeiros.
Arrinca o XGN máis tecnolóxico
Compartir Este Artigo

