Durante os meses de abril e maio terá lugar o V Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino, unha iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística que busca favorecer a integración das novas tecnoloxías nas actividades que se desenvolven nos centros educativos para fomentar o uso da lingua galega, terá lugar nas sete cidades galegas e servirá de escenario onde compartir as experiencias normalizadoras e dinamizadoras máis positivas que se están a desenvolver en distintos centros educativos galegos.
Esta iniciativa quere contribuír á formación dos membros e coordinadores/as dos equipos de normalización e dinamización lingüística (ENDL) dos centros nos novos coñecementos e competencias dimanantes desta era dixital, que obrigou a actualizar os paradigmas tradicionais de acceso e xestión da información, o xeito de comunicármonos e as metodoloxías de aprendizaxe.
Este novo tempo que se impón arestora nas aulas é unha oportunidade para a didáctica e a promoción da lingua galega a través da realización de actividades interdisciplinares, modernas, colaborativas e, sobre todo, atraentes para o noso alumnado.
O criterio preferente de selección para poder asistir a estas xornadas será a pertenza a un ENDL, que deberá certificarse mediante mensaxe electrónica do director ou directora do centro ao CFR correspondente.
Do día 20 ao 22 de abril e do 27 ao 29, o V Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino terá lugar nas cidades de Vigo, A Coruña e Lugo. A data límite de inscrición será o 12 de abril. En Ourense, Ferrol e Pontevedra, o seminario realizarase os días 4, 5, 6, 11, 12 e 13 de maio. Mentres que en Santiago de Compostela as datas serán o 4, 5, 6, 11, 12 e 18 de maio. En todas estas cidades o prazo límite para a inscrición será o 23 de abril. As inscricións poderán realizarse a través da sección de formación do profesorado da páxina web da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Un seminario incidirá no uso das TIC para o fomento do galego no ámbito educativo
Compartir Este Artigo

