
Entre as medidas propostas pola Asociación de Empresas Galegas adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías figuran un catálogo das ferramentas TIC accesibles, solucións que eliminan as barreiras do acceso ás novas tecnoloxías para os usuarios con problemas de autonomía. Así mesmo, EGANET contempla a realización dunha xornada ou evento de posta en común das solucións existentes cos colectivos demandantes destas tecnoloxías, co obxecto non só de difundir estas ferramentas, senón de que os axentes desenvolvedores TIC coñezan de primeira man as necesidades formuladas polos afectados e afectadas e non cubertas na actualidade polo sector TIC.
A directora xeral de Dependencia e Autonomía Persoal, Coro Piñeiro, amosou a súa disposición a colaborar con estas iniciativas, coincidindo con Víctor López e Daniel Cerqueiro na necesidade de avanzar na mellora da accesibilidade das TIC para todas as persoas e eliminar a fenda dixital en colectivos con diversidade funcional. Tanto EGANET como a Administración autonómica son conscientes de que o desenvolvemento tecnolóxico avanza a ritmos dispares en función do seu público, de aí que o esforzo de ambas as entidades se centre nestes colectivos e en facilitar o seu acceso ás novas tecnoloxías.
A Asociación de Empresas Galegas adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías leva dende o seu nacemento apostando polas tecnoloxías accesibles e a súa promoción e visibilización. Os Premios EGANET que a asociación convoca cada ano premian nunha das súas categorías os mellores proxectos desenvoltos en materia de accesibilidade TIC en Galicia, e a asociación ven de colaborar con TADEGA (foro de profesionais da educación implicados na atención á diversidade) na organización das xornadas Competencia dixital na atención á diversidade.
EGANET propón achegar as TIC ás persoas con diversidade funcional
Compartir Este Artigo

