Xa pasaron 5 días dende que se deron case por rematadas as tarefas de apagado analóxico total en Galicia (co consecuente acendido dixital), e a día de hoxe, seguen sen rexistrarse incidencias técnicas de importancia nos distintos centros emisores da nosa Comunidade.
Así o veñen de confirmar os responsables da TDT no noso país, que aseguran que “tampouco houbo moitas chamadas nos teléfonos de información ao cidadán e as que se deron foron unicamente de carácter informativo”.
Os últimos apagóns analóxicos en centros emisores producíronse o pasado venres, concretamente nas áreas técnicas de Domaio e Páramo, que afectaron a 31 concellos da provincia de Pontevedra, e a 45 de Lugo, onde se rexistra unha poboación dunhas 238.000 persoas. En total, un millón de habitantes máis incorporáronse o pasado venres á cobertura exclusiva de sinal dixital.
Porén debido ás inclemencias meteorolóxicas dos primeiros días deste mes, que impediron o acceso a distintos centros, nalgunhas zonas de Lugo o acendido dixital farase ao longo desta semana. Son zonas da montaña lucense como Pedrafita, Navia de Suarna, Folgoso e Cervantes, que continúan a recibir estes días sinal analóxico e que nos vindeiros días recibirán xa en exclusiva o sinal dixital. Algo parecido ocorrerá nos concellos de Marín e Cerdedo xa que, por problemas técnicos dos últimos días nalgúns centros, o acendido dixital farase tamén nos primeiros días desta semana.
O proceso de implantación dixital, que daba comezo no pasado mes de setembro, fíxose “nun tempo récord de oito meses”, algo que para o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, “supón un recoñecemento para todo o sector tecnolóxico galego e que Galicia se apunte sen retrasos a un reto tecnolóxico, a unha auténtica revolución tecnolóxica e a un cambio histórico”.
Con este proceso tecnolóxico, Galicia, que dispón de cobertura dixital para o 99 por cento da poboación, adiantouse dous anos á data fixada pola Unión Europea para abandoar a tecnoloxía analóxica de televisión e sitúase dous puntos por riba do fixado polo Plan Técnico Nacional de TDT.
A transición á TDT no noso país conclúe con normalidade e escasas incidencias
Compartir Este Artigo

