
O proxecto en cuestión, informa a institución educativa galega, é un Integrated Project do VII Programa Marco de Investigación, un tipo de programas altamente competitivos –a taxa de aprobación de solicitudes non chega ao 2,3%- e está liderado pola European School Net, asociación belga que abrangue todos os ministerios de educación europeos. Baixo o nome iTEC, innovative Technologies for the Engaging Classroom, comezará a súa andaina no mes de setembro deste mesmo ano e finalizará a finais de agosto 2014. O cometido da Universidade de Vigo pasa por liderar un dos once paquetes de traballo habilitados, labor para o que vai dispoñer dun orzamento de máis de medio millón de euros. Máis en detalle, a súa misión será a de “dar soporte a todo o relacionado coas tecnoloxías da web semántica, unha serie de tecnoloxías que permiten que os propios ordenadores conectados a través de internet fagan razoamentos e obteñan deducións, dándolle así ás propias máquinas un grado de intelixencia maior”.
Para entendérmonos, as tecnoloxías semánticas constitúen a nova orde de Internet, un estado de cousas que supera ao que vivimos en capacidade de manobra das máquinas (de feito o semántico oriéntase máis a elas cá nós), arestora simples acubillos e canles para a información que lles queremos dar e nun futuro non moi afastado equipadas con todo o que a intelixencia artificial agarda poder desenvolver coa axuda das redes dixitais e o seu espallamento.
Amais destas e outras tecnoloxías, o grupo que lidera a Universidade de Vigo afondará na investigación dos googles waves, achegas do coñecido buscador Google para acadar un escenario en liña de meirande interacción entre internautas. Tamén está previsto traballar nas posibilidades dos taboleiros e as mesas táctiles nas escolas, equipamentos con potencial abondo como para automatizar unha boa parte dos procesos previos ao labor da docencia propiamente dito, facilitándolle á dirección do colexio a escolma dos mellores docentes, os mellores expertos en calquera eido educativo ou os recursos máis axeitados.
A Universidade de Vigo colabora con 25 agrupacións de toda Europa para construír a escola do futuro
Compartir Este Artigo
