Caixa Galicia, que recentemente foi distinguida polo Ministerio de Interior coa máxima condecoración pola calidade do seu sistema de seguridade de primeiro nivel, vén de acadar agora a renovación da certificación de calidade ISO 20000 na súa banca electrónica e ampliou o alcance inicial da certificación aos 962 caixeiros automáticos, tras superar unha auditoría de seguimento realizada por AENOR.
A banca electrónica de Caixa Galicia foi a primeira de España en obter a certificación de calidade ISO 20000 que, segundo informan dende a consultora colaboradora no proxecto, “confirma que a tecnoloxía da entidade posúe excelentes niveis de fiabilidade, seguridade e calidade”.
No ano 2006 Caixa Galicia foi a primeira entidade en incorporar o envío ao teléfono móbil da coordenada de acceso aos seus sistemas, o que lle permitiu ser unha das entidades con menor número de fraudes. A incorporación do novo DNI electrónico nos seus sistemas tamén permitiu reforzar, aínda máis, a seguridade ante calquera tipo de fraude fomentando a confianza nas transaccións electrónicas.
Na súa aposta por adoptar iniciativas de calidade en todos os eidos da súa tecnoloxía, en 2009 Caixa Galicia converteuse na primeira entidade financeira europea e segunda no mundo en obter o nivel 4 de CMMI (Modelo Integrado de Capacidade e Madurez, nas súas siglas en inglés), estándar internacional que mide a madurez do software nunha organización.
A obtención desta certificación permite a Caixa Galicia converterse en provedor informático de primeira calidade para empresas doutros sectores, ademais de dar mellor servizo aos seus propios clientes.
Caixa Galicia amplía a certificación de calidade ISO 20000 á súa rede de caixeiros
Compartir Este Artigo

