Con motivo da celebración, en Zaragoza, da Tecnimap 2010, a feira de tecnoloxías aplicadas á Administración Pública, na que se agarda a asistencia de máis de 8.000 persoas, o Centro Nacional de Referencia de Aplicación das TIC baseadas en Fontes Abertas (CENATIC) vén de elaborar unha listaxe de razóns e argumentos polos que as administracións públicas de España deberían liberar o software co que contan para o seu labor diario cos cidadáns.
Segundo afirman dende a entidade, ao liberar software, a Administración reduce o seu déficit, aporta valor ao sector privado, favorece a competitividade e contribúe ao desenvolvemento dunha economía sostible baseada no coñecemento e a innovación aberta.
Neste documento, que está a disposición dos internautas na páxina oficial de CENATIC, o organismo recolle un total de 10 razóns para que a Administración libere software e consiga así, segundo afirma Manuel Velardo, director de Proxectos e Servizos de CENATIC, “lograr a reutilización da información e a interoperabilidade entre administracións”.
Dende CENATIC lembran que entre os seus obxectivos está axudar a que a Administración española “aproveite ao máximo as oportunidades e vantaxes que o software libre e as tecnoloxías abertas poden aportar” para o que contan co coñecemento necesario para asesorar nos procesos de liberación de software, compartición e reutilización entre administracións públicas.
As dez razóns que achega CENATIC para que a Administración libere software son:
1. Permite maior eficiencia presupostaria ao aforrar custos no mantemento e na evolución do software.
2. Cumpre as recomendacións da Lei 11/2007, do Real Decreto de Interoperabilidade, e das directivas europeas da ISA.
3. Favorece a transparencia, a interoperabilidade, a independencia e a sostibilidade das aplicacións das Administracións Públicas.
4. Desenvolve o ecosistema do sector TIC, garantindo a independencia de provedores e a súa dispoñibilidade futura.
5. Pon coñecemento e activos a disposición das empresas.
6. Contribúe á redución do déficit público, e fomenta o desenvolvemento dunha economía baseada no coñecemento e a innovación.
7. Mellora a competitividade ao fomentar a cooperación entre administracións, universidades, centros de I+D+i e empresas, estendendo boas prácticas de compartición de coñecemento e fortalecendo a innovación aberta.
8. Facilita a adaptación ás necesidades concretas das administracións, en materia lingüística, lexislativa, de accesibilidade e imaxe.
9. Garante a privacidade e a seguridade no tratamento da información.
10. Permite compartir, reutilizar e colaborar.
En definitiva, segundo CENATIC,”ao liberar software, a Administración Pública reduce o seu déficit, achega valor ao sector privado, especialmente ás empresas TIC locais, favorece a competitividade e contribúe ao desenvolvemento dunha economía sostible baseada no coñecemento e a innovación abertos”.
CENATIC achega os seus argumentos para que as Administracións Públicas do país aposten polo software libre
Compartir Este Artigo

