Os operadores de cable que desenvolven o seu labor no territorio estatal seguen adiante con medre empresarial e todo isto no medio e medio dunha crise económica e produtiva da que, polo visto, non se vai dar saído en anos. Desta volta, o éxito é aplicable aos seus servizos de televisión. Segundo datos recentes publicados pola Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT) e reflectidos por ADSLZone, todas as empresas que ofrecen este tipo de achegas acadaron melloras importantes o ano pasado en materia de captación de novos clientes, incluída a galega R. Con todo, hai diferenzas, e entre os casos máis salientables está o da televisión de Euskaltel, operador de cable que anda xa a rentes dos 100 mil clientes, logo de pechar o ano que vimos de deixar atrás cunha cifra de 83 mil, índice que constitúe un medre do 100% con respecto á súa liña de partida de aboados en 2008 (pouco máis de 40.000 usuarios) e que pon á empresa de Euskadi en igualdade de condicións que Orange TV e R.
Polo que respecta a Telecable Asturias e R Galicia, aínda que a súa situación é diferente (non parten practicamente de cero coma no caso anterior) tamén conseguiron incrementos en cadansúa carteira de clientes, pechando 2009 con medres de 2.300 e 4.700 clientes, respectivamente, o que certifica a boa marcha destes servizos no eido estatal.
A televisión por cable segue a captar clientes
Compartir Este Artigo
