A organización do obradoiro colectivo de tradución de software libre ao galego da Universidade de Santiago, o Fiadeiro de Localización da ETSE, manterá aberto ata o 14 de abril o prazo de matrícula para inscribirse nesta actividade colaborativa. A iniciativa, que vén da man da Comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior de Enxeñería da USC, vai xa pola súa segunda edición, repetindo os obxectivos do ano pasado (un éxito no que se refire a xente mobilizada e froitos acadados) pero afondando neles. Máis polo miúdo, trátase disto: contribuír á galeguización de ferramentas abertas de emprego común no eido docente e informar en detalle das vantaxes do proceso (máis presenza da nosa lingua no dixital) e das propias ferramentas de licenzas abertas (máis adaptables e económicas).
En palabras do grupo responsable, coa ETSE Open “trátase de impulsar, coa debida formación técnica previa, unha comunidade universitaria que poida, en primeira instancia, traducir ao galego software de uso docente na ETSE, mais tamén participar noutros eventos de localización na USC”.
O programa do Fiadeiro inclúe dúas sesións, nas mañás dos xoves 15 e 22 de abril, en que membros da Oficina de Software Libre da USC introducirán aos inscritos no labor de tradución. O 30 de abril celebrarase unha xornada de localización na que se verterán ao galego dezaseis pequenas aplicacións de Gnome e Ubuntu, todas elas de entre 100 e 200 cadeas que poderán utilizarse, por exemplo, nas distribucións de Ubuntu-USC, a localización específica desta plataforma libre para a Universidade de Santiago en lingua galega. Entre as aplicacións atópanse un convertedor multimedia (Gnac), un cliente de Twitter (Pino), un centro multimedia que permite ter cinema na casa (Entertainer), un analizador e manipulador de vídeos (Longomatch), para facer retoques de fotografía dixital (Niepce) e unha ferramenta para xestionar datos bibliográficos (Pybliographer).
Amplíase o prazo para participar no fiadeiro de galeguización de software libre da USC
Compartir Este Artigo
