A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Consellería de Cultura e Turismo, que recentemente anunciou o seu programa de axudas destinadas á produción de curtametraxes e videoclips, tamén vai destinar un belisco de axudas ás raíñas do noso audiovisual, as longametraxes cinematográficas, e vén de anunciar que este ano destinará 800.000 euros ás axudas á amortización dos custos de produción destas pezas, así como aos telefilmes e documentais feitos no noso país, así como outros 350.000 euros ás axudas de produción e desenvolvemento de contidos interactivos, un campo máis actual que sintoniza coa Sociedade da Información moderna e, como non, coa mocidade.
A contía, que supera o millón de euros, veuse incrementada este ano no tocante á liña de apoio para amortización de custos de produción, que supera en máis dun 33 por cento a dotación do ano pasado, tasada en 600.000 euros.
Estas subvencións, de concesión automática ata esgotar a contía total reservada, están suxeitas ademais ao marco comunitario aplicable ás axudas destinadas a facilitar o acceso ao financiamento das empresas en situación de crise.
Segundo informan dende AGADIC, poderán ser beneficiarias no apartado de estrea comercial ou venda a televisión, as produtoras audiovisuais independentes con sede ou oficina permanente en Galicia que presenten longametraxes cinematográficas (ficción, documental, animación) ou telefilmes de interese cultural galego que teñan sido obxecto de estrea comercial ou venda a televisións en aberto, dende o 1 de xaneiro de 2009 ata o 30 de outubro de 2010, por un importe non inferior a 80.000 euros.
O prazo de presentación de solicitudes, segundo se especifica nas bases que serán publicadas mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG), remata o vindeiro 15 de setembro.
No caso da convocatoria referente ao desenvolvemento e produción de contidos interactivos, publicada hoxe no DOG, a dotación global de 350.000 euros desagrégase en dúas anualidades: 150.000 euros en 2010 e 200.000 euros en 2011.
Esta modalidade diríxese a proxectos realizados en lingua galega para a Rede, a televisión dixital interactiva, as consolas de videoxogos e os dispositivos móbiles, tendo en conta a importancia deste tipo de contidos para a diversidade cultural, a innovación tecnolóxica e o desenvolvemento económico.
As obras deben conxugar texto, son e imaxe –estática ou en movemento- codificada dixitalmente e, agás no caso dos videoxogos, a Axencia non admitirá proxectos fóra da Rede. Tampouco serán tidos en conta os traballos de consulta, as ferramentas e servizos de software, os proxectos institucionais ou webs corporativas, as traducións de produtos xa existentes ou os contidos exclusivamente informativos. O prazo de presentación destas solicitudes finaliza o vindeiro 8 de maio.
AGADIC destina 350.000 euros á produción e desenvolvemento de contidos interactivos
Compartir Este Artigo

