A exposición fotográfica Galicia Innovadora e creativa, unha mostra composta por nove fotografías que revelan aqueles aspectos nos que máis evolucionou o noso país nos últimos anos, comezou onte un particular periplo que a levará polas catro provincias galegas para que todo tipo de visitantes se acheguen a disfrutala.
A mostra foi inaugurada onte polo subdirector xeral de relacións coa Unión Europea, Santiago Álvarez González, que se achegou a Vigo para comprobar de primeira man a calidade destas 9 pezas artísticas e para destacar o papel da Fundación Galicia Europa como oficina de representación galega en Bruxelas, “moi singularmente neste ano no que conflúen o Xacobeo 2010 e a presidencia española da Unión Europea”.
Esta entidade, que foi a responsable, xunto coa Dirección Xeral de Promoción e Difusión Cultural e a Dirección Xeral de Xuventude, da organización do certame, levou a cabo esta peculiar iniciativa por estar en consonancia coa celebración en 2009 do Ano Europeo da Creatividade e a Innovación.
Xa que logo, as fotografías debían centrarse naqueles aspectos nos que Galicia evolucionou e progresou máis nos últimos anos e as 9 imaxes seleccionadas para a mostra representan un país evolucionado como o que máis.
De entre todos os candidatos que se presentaron no seu momento, valorouse a calidade técnica e a habilidade fotográfica dos participantes, así como a súa capacidade para transmitir a imaxe dunha Galicia creativa e innovadora.
Dende a sede da Deputación de Pontevedra, en Vigo, onde permanecerá ata o vindeiro 16 de abril, a mostra percorrerá toda Galicia e poderá ser visitada de balde.
Ademais de Álvarez, no acto tamén estiveron presentes os vicepresidentes da Deputación de Pontevedra, José Juan Durán e José Manuel Figueroa, e un dos participantes na mostra, Raúl Marín Pazó, que no seu día recibiu unha mención de honra pola obra Paisaxe@urbano.eu.
Inaugurada en Vigo unha mostra fotográfica sobre a Galicia máis innovadora e creativa
Compartir Este Artigo

