A Consellería de Economía e Industria, unha das entidades encargadas de organizar o primeiro Salón Internacional da Tecnoloxía (SITE), que terá lugar na Coruña do 17 ao 19 de novembro, vén de anunciar o seu apoio a esta iniciativa xa que, segundo afirman, “impulsa o desenvolvemento da tecnoloxía a prol da mellora da eficacia na xestión pública e tamén no eido empresarial, para fomentar a competitividade”.
O director xeral de I+D+i da Consellería de Economía e Industria, Ricardo Capilla, participou hoxe na presentación do devandito Salón, en EXPOCoruña, e unha vez alí, destacou a satisfacción da Xunta ao participar no comité organizador do SITE 2010, posto que, segundo asegura, “supón un recoñecemento á intensa labor que se está realizando desde o Goberno galego para aproveitar todo o potencial das TIC e facilitar o acceso á Administración por parte da cidadanía, simplificando trámites e procedementos burocráticos”.
Un dos temas centrais a tratar neste SITE 2010 serán os novos enfoques na xestión da innovación que o departamento que dirixe Capilla quere promover, así como a posta en marcha no segundo semestre de 2009 da Rede de Xestores de Innovación de Galicia (XIGA), que se está a materializar na incorporación de 50 técnicos especialistas en innovación noutras tantas pemes galegas.
Capilla fixo fincapé, asemade, na creación da Axencia Galega de Innovación, unha ferramenta que terá como obxectivo prioritario “reconducir unha realidade empresarial marcada, en xeral, por unha escasa orientación á innovación estratéxica, traballando no establecemento de relacións de coñecemento entre empresas, especialmente entre as que posúen capacidade tractora”.
O Salón Internacional de Tecnoloxía pretende reunir, na súa primeira edición, a todas aquelas empresas con solucións nos ámbitos de comercio e transaccións electrónicas, tecnoloxía financeira e innovación tecnolóxica para o sector público.
Asemade, SITE’2010 abordará as claves da internacionalización no eido do comercio electrónico, os desenvolvementos para a interoperabilidade coas administracións públicas, os últimos modelos de desenvolvemento tecnolóxico en banca, os novos enfoques na xestión da innovación e os últimos avances tecnolóxicos desenvolvidos para un novo modelo de transaccións.
O SITE 2010 promoverá o uso de tecnoloxía nas empresas e no sector público
Compartir Este Artigo

