
O que se repite en tódolos casos por igual, sinala a plataforma, é que en ningunha das aldeas é posible recibir tódalas canles públicas. A xuízo de SOS Courel esta situación agrava con moito as carencias tecnolóxicas derivadas da desaparición da Internet sen fíos, un proxecto que implicara o investimento duns 200.000 euros e a habilitación de infraestruturas que, sinala a plataforma, “ficarán tiradas agora polos teitos e curutos da comarca”. A organización, co obxectivo de facer entender o problema, cita nun comunicado recente varios exemplos concretos de veciños da bisbarra afectados polo cesamento do servizo. É o caso de Jesús Alfonso Parada, veciño de Meiraos e autor de diversos libros (A delgada voz dos marxinados ou A cor das uces), quen en virtude destes cambios ficou sen servizo de Rede sen fíos e sen posibilidade algunha de manter comunicación a través do correo electrónico cos seus contactos e coa Universidade a Distancia (UNED) na que cursa estudos. Sen Internet ficou tamén o veciño de Ferreirós de Abaixo, Manuel Álvarez, propietario do bar O Pontón e pai dunha filla que precisa, coma calquera outro neno galego, dos servizos e recursos da Internet para completar a súa formación no Colexio de Seoane e no Conservatorio de Monforte.
Veciños do Courel demandan as actuacións precisas para recibir tódalas canles da TDT
Compartir Este Artigo
