O Ministerio de Industria vén de presentar unha serie de novidades comunicativas e tecnolóxicas relacionadas co Ano Xacobeo, un acontecemento que a xuízo do Goberno ten especial importancia para o coñecemento e a promoción exterior do Estado e do sector turístico español. Así, amais do convenio de colaboración para o impulso no exterior do Camiño asinado con oito comunidades autónomas (entre as que se conta a nosa), a promoción do Camiño conta xa cunha campaña internacional de publicidade e cun DVD interactivo que achega información histórica e fotografías de máis de 200 localidades inseridas no itinerario xacobeo.
O DVD, titulado Camiño de Santiago, un itinerario virtual, inclúe máis de 700 entradas a monumentos e emprazamentos de interese, mapas con aplicacións GPS e información práctica do máis variado (transporte, centros sanitarios, albergues, etc). Amais de todo isto, púxose en marcha a través de spain.info unha canle temática do Camiño e elaborouse (tamén) unha axenda cultural que recolle os eventos máis salientables.
Industria lanza un DVD interactivo sobre o Camiño
Compartir Este Artigo
