O secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro Durán, inaugurou hoxe venres no Edificio Multiusos de Chapela, no concello pontevedrés de Redondela, a exposición itinerante Galiciadixital, que incluirá os contidos habituais e outros relacionados co 25º aniversario da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG). A mostra permanecerá no recinto ata o vindeiro mércores, 21 de abril, e poderá visitarse gratuitamente de 9:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:00 os días laborables e de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 a fin de semana.
No evento, o secretario xeral de Medios expresou a súa satisfacción por levar esta mostra a Redondela e lembrou que todos os contidos que se exhiben na exposición están feitos por empresas e universidades galegas. Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Lucía Molares Pérez, tamén presente no acto, lembrou que hai pouco esta mostra estivo en Soutomaior e que en breve recalará na delegación da Xunta en Vigo.
O concelleiro redondelán Eduardo Regueira, que acudiu ante unha indisposición do rexedor, Xaime Máximo Rei Barreiro, agradeceu á Secretaría Xeral de Medios o ter pensado en Redondela para acoller esta emblemática exposición, ao tempo que convidou a todos os redondeláns a achegarse ata ela.
Aparte dos contidos habituais, coma o futurista aerodeslizador, o canciño Axóuxere ou o tiraboleiro virtual, a mostra acollerá, durante a súa estadía en Redondela, unha serie de contidos encamiñados a celebrar os 25 anos de vida da CRTVG, como un vídeo conmemorativo que recolle diferentes momentos que marcaron o pasado e o presente da compañía, unha zona expositiva de obxectos relacionados coa radio e a televisión e unha serie de paneis ilustrativos da historia do ente autonómico. Tamén, grazas ao plató Chroma Key, os que o desexen poderán converterse en presentadores de informativos, situándose nun espazo desde o que se verán reflectidos nunha pantalla TFT de gran formato, inmersos nun decorado ad hoc.
Durante o acto, o director de comunicación da CRTVG, Fernando Ojea, manifestou o orgullo da entidade por celebrar os seus primeiros 25 anos e amosouse «enormemente satisfeito de facelo no escaparate privilexiado da exposición Galiciadixital da Secretaría Xeral de Medios», o que permite «combinar unha mirada emocionante cara á historia da compañía ao tempo que botamos unha ollada cara o futuro».
Galiciadixital celebra en Redondela o 25 aniversario da CRTVG
Compartir Este Artigo

