A Universidade de Santiago vai experimentar nas vindeiras Eleccións 2010 con novas canles e ferramentas que faciliten a participación nos comicios e mesmo aseguren a máxima fiabilidade do proceso. A iniciativa, chamada Plan Piloto de Votación Electrónica, foi dada a coñecer esta mesma semana pola secretaria xeral da USC, Isabel García-Rodeja, nun acto perante os medios no que tamén fixo acto de presenza o subdirector xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información, Cristóbal Varela. A iniciativa centrarase nun total de 55 departamentos da Universidade, onde se dará acubillo á emisión de sufraxios mediante dispositivo telemático e empregando identificación electrónica. O sistema “permitirá a emisión de votos a través das redes de datos de forma totalmente segura”, sinalaron os responsables da iniciativa.
A iniciativa cubrirá igualmente os pasos previos á votación mesma: antes de votar, o usuario terá que autenticarse mediante un sistema de usuario e contrasinal ou PIN que lle proporcionará a Universidade. Nalgúns casos, sinala a USC, tamén poderán empregarse certificados de sinatura avanzada. Logo accederase á plataforma de voto electrónico que presentará as distintas opcións de elección.
“Con anterioridade a saír da aplicación de votación, aparecerá na pantalla un recibo de voto que se poderá imprimir permitindo comprobar que o voto sexa contabilizado cando se publiquen os resultados”, engade a USC. Por certo que en ningún caso será posible rastrexar o emitido a través deste xustificante.
Polo que respecta á seguridade do proceso, sinalar que estará garantida por operacións de cifrado de punta a punta, dende o computador onde se exerce o voto ata a mesa electoral. “Para garantir a privacidade”, explica a USC, “sepáranse os datos confidenciais ao romper a correlación entre a identidade do votante e o voto descifrado, levándose a cabo nun servidor illado e fisicamente seguro”.
Máis de media centena de departamentos da USC participarán nun proxecto piloto de votación electrónica
Compartir Este Artigo
