A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, a fin de mellorar a comunicación virtual que se da (cada vez máis) entre a cidadanía e a administración autonómica, vén de poñer en marcha a súa nova páxina web institucional, cunha interfaz máis intuitiva e doada de utilizar polos internautas, na que priman o acceso aos servizos de información, a interacción e a tramitación de documentos en liña, que a Consellaría pon a disposición das persoas usuarias.
Respecto da anterior ferramenta virtual, a entidade pública modificou a distritución dos contidos, agrupando a información relacionada en bloques e ofrecendo de forma máis clara as ligazóns aos servizos e informacións máis relevantes.
O menú principal constitúese agora “en espiña dorsal”, ao presentarlle ás persoas usuarias catro alternativas diferentes de localización dos contidos e servizos: desde un punto de vista organizativo (Organización), temático (Áreas temáticas), de feitos vitais (Como facer para…) e das posibles audiencias (Colectivos). Ademais, presenta un quinto apartado de acceso directo aos servizos de maior interese e utilidade que reduce o número de ‘clics’ por parte do visitante.
O redeseño conceptual e visual da web continúa con un espazo destacado dedicado ás principais áreas temáticas da Consellería, no que a través de ligazóns textuais poderá accederse aos contidos e servizos máis relevantes en materia de xustiza, emerxencias, interior, administración local, avaliación e reforma administrativa e as relacións institucionais e exteriores. O mesmo ocorre coa Secretaría Xeral, que dispón dun acceso directo onde se poden consultar materias relacionadas cos colexios profesionais, a toponimia e as asociacións e fundacións de interese cultural, entre outras.
Outra das novidades da páxina web son os espazos que se poderían englobar nunha sala de prensa ou de comunicación virtual. Así, baixo o título de Esperámosche en… intégranse as convocatorias de eventos da Consellería e dos seus organismos adscritos; mentres que no espazo de actualidade institucional publícanse actualizadas as principais novas do departamento en formato de nota de prensa.
Pola súa banda, a navegación polo interior do portal pretende ser igual de sinxela e intuitiva que na súa portada, presentando sempre unha estrutura básica, de esquerda a dereita, na que se ofrece un menú de navegación, un espazo principal de información e un terceiro destinado a destacados e contidos relacionados.
O obxectivo final deste redeseño do portal da Consellería de Presidencia é, segundo informan dende o organismo, “ofrecer unha ferramenta de referencia fronte a cidadanía, nun paso máis cara á nova posición da Xunta na Internet, e orientada a resaltar a súa misión como canle de información e servizos públicos á sociedade”.
Presidencia renova a súa web institucional facéndoa máis funcional e intuitiva
Compartir Este Artigo

