Luís Rial, ante unha unidade móbil da Radio Galega no ano 1985Con motivo da celebración dos 25 anos de CRTVG, a Rede CeMIT ofrecerá (tal e como sinalamos onte nesta mesma web) ao longo destes días un completo programa de actividades de conmemoración. Nesta liña é onde se insire a convocatoria deste xoves, a desenvolver na aula de Santiago da Rede CeMIT (na Facultade de Ciencias da Comunicación), que servirá de acubillo para un percorrido histórico pola traxetoria (xeral e persoal) do medio galego ao longo dos seus 25 anos de vida. O relatorio, que correrá a cargo de Luís Rial (senlleiro locutor da Radio Galega), complementarase os vindeiros días (ata o 21 de maio) con actos conmemorativos nas aulas da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Ferrol. Por certo que nesta liña é onde tamén se situán os dous concursos activos dirixidos a celebrar os 25 anos do dito medio: As grandes frases da dobraxe da Galega e Que está a pasar nas aulas CeMIT con motivo dos 25 anos da CRTVG. Ámbolos dous certames teñen as súas bases de participación na páxina web da CRTVG e máis na do Centro Multimedia de Galicia. Cada un dos concursos contará con tres gañadores e entre os premios destacan reprodutores blu-ray, discos duros externos ou videocámaras dixitais.