Un grupo de investigadores da Universitat Pompeu Fabra (UPF) vén de dar a coñecer interesantes datos sobre a interrelación dos servizos de correo electrónico (reclamo de primeira orde para quen concorre por vez primeira na Rede) e a terceira idade. Segundo apuntan no seu traballo, levado a cabo en centros sociais de Barcelona co fin de preparar o deseño de sistemas de correo en liña doados e accesibles, este tipo de comunicación atopa especial demanda na mocidade, pero tamén entre os nosos maiores. Tanto é así que en ámbolos dous casos estariamos a falar da aplicación de Internet máis usada. No caso da terceira idade, o mérito é moito maior, posto que se trata de persoas que non medraron familiarizándose coas tecnoloxías da información e que foron aprendendo os seus segredos con moito maior esforzo.
O estudo en cuestión, amais de servir de base ao dito desenvolvemento, quixo botar luz sobre a relación das persoas maiores con estas aplicacións, eido moi pouco estudado polos especialistas. A realidade achegada é esta: hai máis interese do que se cría.
Deste xeito, dise no estudo, “os colectivos da terceira idade séntense motivados para usar as redes, xa que as perciben como un elemento importante para a súa inclusión na sociedade contemporánea e para loitar tamén contra o illamento”. A investigación tamén amosa que as persoas maiores empregan os e-mails dentro dun círculo restrinxido de dous grupos sociais diferentes: os familiares (poucos correos ao mes, pero detallados e emocionais) e os amigos íntimos (frecuentes e servindo de acubillo para o intercambio de información baseado na socialización). Polo tanto, estaríamos perante un colectivo que usa o correo en liña para comunicarse cos seus círculos sociais, non como un xeito de facer novas relacións con xente nova. Para isto, contan con outras canles tradicionais que consideran máis fiables, como os bailes nos centros sociais, ideais para coñecer xente, aseguran.
Un estudo confirma o interese que suscita nos nosos maiores o correo electrónico
Compartir Este Artigo
