Caixa Galicia, consciente da importancia que ten para todo o sector das Caixas de Aforros españolas o proceso de renovación e innovación tecnolóxica, cedeu a súa arquitectura informática, denominada Metrópolis, á Confederación Española de Caixas de Aforro (CECA) para a súa implantación na maioría das caixas españolas. A innovación de Caixa Galicia será empregada no proxecto COAS:SOA que está a desenvolver o Comité de Organización e Automatización de Sistemas (COAS) da CECA.
A implantación dunha tecnolóxica común para todas as caixas de aforro permitirá compartir desenvolvementos de aplicacións grazas a dispoñer dunha mesma plataforma común. O desenvolvemento de Metrópolis e a experiencia da caixa galega no seu desenvolvemento e implantación foi un dos temas que abordados na reunión de hoxe en Santiago de Compostela, na que participan directores xerais e directores informáticos das principais caixas de aforro españolas.
Caixa Galicia puxo en marcha en 2007 o modelo de arquitectura tecnolóxica Metrópolis co obxectivo de obter maior niveis de eficiencia, flexibilidade e satisfacción do cliente. Con este proxecto a caixa galega conseguiu importantes avances en redución de custos e un maior aliñamento entre negocio e tecnoloxía.
«No actual contexto económico e de reestruturación do sistema financeiro, a capacidade tecnolóxica dunha entidade e a coherencia entre a súa estratexia tecnolóxica e de negocio convértense en eixes básicos», asegura José Manuel Valiño Blanco, director de Sistemas de Caixa Galicia.
O investimento en tecnoloxía é un dos eixes estratéxicos da caixa galega que en 2009 investiu 54,1 millóns de euros en tecnoloxía propia (equipos, instalacións, redes, proxectos informáticos, etc.), un 91% máis que a media do sector das caixas de aforro que se sitúa nos 23 millóns de euros.
O importante esforzo investidor en tecnoloxía permite que o 63% de todas as operacións realizadas por Caixa Galicia o sexan por medio de canles tecnolóxicas (Internet, banca telefónica, caixeiros, etc), fronte a un 37%, que se seguen realizando nas oficinas.
Caixa Galicia conta tamén cos custos de transacción máis baixos de todo o mercado financeiro, cunha cifra de 33 céntimos de euro en 2009, un 43% por debaixo do custo medio do sector español.
A potente base tecnolóxica de Caixa Galicia permite aproveitar ao máximo os recursos e ten a súa translación nos ratios de eficiencia da entidade, un 49%, e nos niveis de calidade de servizo que presta o que lle permitiu dar soporte informático a empresas líderes en Galicia como Inditex, Bricoking ou Tecnocom, entre outras. Os sistemas de Caixa Galicia soportan, ademais, as máis de 500.000 tarxetas de transporte en cidades e áreas metropolitanas de Galicia.
Infraestrutura tecnolóxica galega
Caixa Galicia mantén unha infraestrutura tecnolóxica de primeiro nivel en Galicia, cun Centro de Procesos de Datos na Coruña que conta con case o 100% do persoal técnico procedente das universidades galegas.
Dende A Coruña, Caixa Galicia controla toda a operativa das súas máis de 800 oficinas en todo o mundo. A división de Sistemas da caixa galega achega case 400 persoas especializadas en tecnoloxía e innovación ao mercado laboral galego, entre persoal propio e externo, se dedica a que desenvolver e mellorar os procesos tecnolóxicos o que permite que o coñecemento das tecnoloxías informáticas de alto nivel quede en Galicia.
«As dúas características que definen a nosa tecnoloxía financeira e que reverten no beneficio da nosa comunidade son ter optado por manter o servizo informático dentro da entidade e por escoller e formar estudantes das universidades galegas para facer funcionar todo o sistema», afirma José Manuel Valiño.

